Salvaterra de Miño: outra intervención toponímica do rei Afonso IX

Buscar na cartografía galega actual localidades como Erizana ou Faro é unha tarefa complexa, pois houbo un rei que se encargou de borralas do mapa en sentido metafórico: Afonso VIII de Galicia, Afonso IX na historiografía castelá. O nome actual de varias cidades e vilas galegas importantes son denominacións impostas por este rei no momento en que lles concedeu o foro de poboamento: Baiona, cuxo nome antigo era Erizana, e Faro, actualmente A Coruña, son dous exemplos dunha ampla relación na que tamén podemos incluír Salvaterra de Miño.

Ata o ano 1228, o nome da localidade pontevedresa de Salvaterra de Miño foi Lazoiro. Segundo nos conta Gonzalo Navaza no artigo “A intervenção régia na toponímia galega medieval. Os nomes de Afonso IX”, é esta a data en que se rexistra por última vez este nome nun documento do Tombo B da Catedral de Santiago, polo cal, Afonso VIII de Galicia concédelle á igrexa compostelá certas propiedades en “locum sive villam que dicitur Laçoyro”.

A partir desde ano, a localidade documentada como Lacedurium no ano 991 ou Lazoiro no 1125 pasará a denominarse Salua Terram, isto é, Salvaterra. Unha vez máis, este nome imita un modelo francés que o monarca adoitou seguir para bautizar outras localidades galegas como a citada Baiona, en semellanza á Bayonne francesa, ou as moitas localidades galegas denominadas Viana, inspiradas na poboación gala de Vienne.

Volvendo a Salvaterra, existe máis dunha ducia de concellos franceses co nome de Sauveterre en francés ou Sauvatèrra en occitano, todos eles de orixe medieval. Navaza afirma que Salvaterra de Miño foi a primeira localidade así bautizada en toda a península ibérica. Trátase dun nome composto que fai referencia á condición de “terra segura” do lugar. É, xa que logo, un topónimo publicitario cun fin concreto: atraer poboación á vila que lle concede o foro, pois admitía como colonos a persoas perseguidas pola xustiza noutros territorios. Trátase do mesmo significado que xa tiña en orixe este topónimo en francés e occitano.

Moito máis complexo de explicar é o topónimo que borrou Afonso VIII, Lazoiro. Navaza propuxo nun primeiro momento dúas hipóteses: nunha primeira, podería considerarse un derivado do verbo lazar  (lat. GLACIARE) ‘conxelarse’, a través do sufixo -oiro (lat. -ORIUM), que en galego expresa o lugar onde se realiza acción expresada por un verbo. Por tanto, sería un equivalente toponímico doutro topónimo como As Laceiras (lat. GLACIARIAS) e faría referencia ás condicións climáticas do lugar.

Nunha segunda hipótese remóntase a unha raíz indoeuropea (P)LAT- ‘chaira’, coa clásica perda do P- inicial propia das linguas celtas, e que faría referencia á orografía chaira desta zona a carón do río Miño.

Recentemente, Gonzalo Navaza chegou a unha terceira hipótese despois de comprobar o uso en latín medieval de termos emparentados co nome común lazo ‘atadura de fíos’ para referirse á pesca. Daquela, tendo en conta tamén que o sufixo –oiro (de sobrevivir o topónimo, hoxe sería Lazouro) forma derivados de verbos, considera que máis ben se trata do verbo lazar, pero en referencia ás pesqueiras do río Miño.
 

Tamén che pode interesar...

Trasancos é hoje o nome de uma freguesia de Narón e de outra do município vizinho de Ferrol, Santa Icía de…

Em Ponte Caldelas existe um castro junto à barragem de Eiras onde, em tempos remotos, viveu um habitante único: um gigante de longas…