O mes de setembro é o mes da preguiza. A volta aos quefaceres diarios despois do descanso estival implica en moitas persoas o que se deu en chamar “depresión posvacacional” ; isto non é máis nin menos que a falta de vontade por volver á rutina do traballo. Case todas e todas sufrimos nalgún momento das nosas vidas esa sensación, polo que fomos (ou somos) merecedores do cualificativo nugallán.
Nugallán é unha voz do galego común que empregamos para cualificar unha persoa que se deixa levar pola falta de vontade para traballar ou facer algo que require algún esforzo, isto é, un preguiceiro ou un lacazán. A voz galega nugallán procede do latín NUGALIS, -ALE, onde significaba ‘home frívolo, sórneas’.
Unha aparente forma en plural desta voz do galego común atopámola como topónimo no concello lucense de Antas de Ulla, Nugallás. Trátase dun nome de lugar único en toda Galicia que semella ter un correlativo no municipio coruñés de Trazo, Nogalláns. A homonimia entre o topónimo seoanés e este adxectivo despectivo do galego común leva a facernos a pregunta: foron nugalláns os primeiros poboadores deste lugar?
Andrea Santiso, na súa obra Toponimia de Antas de Ulla, considera que non se pode descartar totalmente esta opción. Trataríase, de ser o caso, dun topónimo galego de natureza xocoso-despectiva que describiría con ton pexorativo as persoas que habitaron nalgún momento o lugar. Non sería o único chamadeiro cunha orixe semántica semellante, pois, na parroquia muxía de Caberta existe unha aldea chamada Mintiráns.
Agora ben, a propia autora ve dous problemas na vinculación de Nugallás co seu homónimo do léxico común: a primeira é que non se atopa ningunha referencia nin oral nin escrita ao cualificativo nugallán aplicado a este lugar, agás o propio topónimo; e a segunda, talvez máis importante, é que Nugallás está situado nun lugar onde son abundantes as nogueiras. Por tanto, a autora deste traballo de investigación considera que o topónimo pode relacionarse cun étimo NUCALIALES, en referencia á abundacia desta árbore no territorio da parroquia, e que procedería do latín NUCALIA, plural neutro do adxectivo NUCALIS, -ALE.
Por trás de cada um dos mais de 40 mil nomes de lugares que fazem parte do nosso Nomenclátor, existe uma motivação e uma razão de ser.…
É muito difícil ouvir a palavra Camariñas sem se deixar levar e recitar os versos que compõem uma das canções mais famosas do…