O CPI Uxío Novoneyra púxose mans á obra con Galicia Nomeada

O alumnado de CPI Poeta Uxío Novoneyra únese ao reto de recuperar a toponimia tradicional do concello de Folgoso do Courel. O pasado mércores 30 de novembro, Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada, acudiu ata os Ancares para ter un encontro produtivo coa rapazada e facelos conscientes do importante que é recoller e conservar esta parte do noso patrimonio inmaterial que reside na toponimia tradicional. 

Foi Raquel Vila Amado, profesora de Lingua e Literatura do centro, quen contactou co equipo de Galicia Nomeada e coa Real Academia Galega para convidar a Vicente Feijoo para realizar alí unha actividade co seu alumnado. O coordinador técnico do Seminario de Onomástica da RAG ofreceulles unha charla sobre o valor da nosa toponimia como patrimonio cultural, sobre o perigo que corren de desaparecer os nosos nomes tradicionais e que poden facer eles para os recuperar. Para iso, son esenciais os seus maiores, gardiáns dos seus nomes, e a aplicación Galicia Nomeada, para que introduzan os nomes e as lendas asociadas a eles que lles digan os seus pais, avós e veciños.

Co CPI Uxío Novoneyra, foron cinco os centros que se sumaron nos últimos tempos, de xeito individual, á tarefa colectiva de recuperación da nosa toponimia tradicional a través de Galicia Nomeada: O CPI Aurelio Marcelino García Rey, o IES Marqués de Sargadelos, o CPI O Mosteiro de Meis e o IES Terra de Soneira. A eles, cómpre engadirmos o alumnado que dun xeito ou outro asistiron ás charlas Toponimízate, como os do IES Maximiliano Romero de Baio, o CPI Tino Grandío de Guntín, o CEIP Nosa Señora das Dores de Forcarei, o IES Chano Piñeiro de Forcarei, o IES de Ortigueira, o CEIP Castrelo de Miño, o CEIP Antonio Blanco Rodríguez de Covelo, e así ata máis de 50 centros de ensino do país que están a colaborar na salvagarda da nosa micrtoponimia.

Desde o proxecto Galicia Nomeada queremos agradecer a iniciativa do CPI Poeta Uxío Novoneyra e agardamos que o traballo da rapazada deste centro estea axiña dispoñible para todos os galegos e galegas en Galicia Nomeada.  
 

Galería de imaxes
Tipos