Fernando Cabeza Quiles, un dos principais estudosos e divulgadores da realidade toponímica do noso país, é socio fundador do Instituto de Estudos Bergantiñáns e membro da directiva da Asociación Galega de Onomástica. Toponimia de Padrón e Pontecesures é a súa cuarta contribución á colección Terra Nomeada, tras Toponimia da Estrada (2018), Toponimia de Carballo (2020) e Toponimia de Ribeira (2022). Tamén é autor d'Os nomes de lugar (1992), Os nomes da terra (2000), Toponimia de Galicia (2008), A toponimia celta de Galicia (2014) e A toponimia dos celtas brigantinos e doutros pobos da Gallaecia (2024).
Nesta ocasión indaga na etimoloxía e no significado de 125 topónimos que designan as entidades de poboación dos concellos contiguos de Padrón (A Coruña) e Pontecesures (Pontevedra).
A colección Terra Nomeada da Real Academia Galega e a Asociación Galega de Onomástica ten como obxectivo recompilar e estudar os nomes de lugar dos concellos de Galicia para saber cal é a súa motivación e o seu significado, o que nos fará máis conscientes da relación co noso pasado, de como se conformou a nosa sociedade, de como é a natureza en que habitamos, a súa fauna e as plantas.