A Arnoia vivirá un encontro interxeracional grazas a Toponimízate
Este mércores 16 de outubro, a campaña Toponimízate Falámosche dos nomes da túa terra unirá tres xeracións de arnoiáns nun mesmo espazo. Por un lado, o alumnado e profesorado do CEIP San Salvador; polo outro, os usuarios do Centro do Maior; e xunto a eles, todos os veciños e veciñas do concello que se acheguen ao Salón de Actos da Cooperativa do Pemento da Arnoia a partir das 12:00 h da mañá.
Ademais, contarán coa compaña de Rodrigo Aparicio Santamaría, alcalde do concello, e Bárbara Carballeira, técnica de Desenvolvemento Local da Mancomunidade do Ribeiro, que serán os encargados de presentar o acto e mais o relator da charla, Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico da plataforma Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega.
O obxectivo será unir forzas nun proxecto cultural colectivo que consiste en salvagardar a súa toponimia menor, isto é, os nomes das terras, fontes, regueiros, penedos, camiños... Deste xeito, a rapazada da Arnoia poderá aproveitar todo o saber que atesouran os seus maiores sobre os nomes da súa terra e mais da tradición oral vencellada a eles antes de que se perdan. Esta iniciativa debe levarse a cabo con certa urxencia, pois A Arnoia é un dos concellos do país que ten practicamente ten toda súa microtoponimia sen rexistrar no visor de Galicia Nomeada. Este é un dos motivos polos que a campaña Toponimízate arribou este ano a esta beira do Miño.
Vicente Feijoo tentará sensibilizar as persoas asistentes para que se sumen ao proxecto colaborativo Galicia Nomeada, como xa fixeron varios miles de persoas e case un cento de centros de ensino de todo o país. Daquela, adaptará os contidos xerais da charla Toponimízate ao perfil tan diverso de oíntes que vai ter enfronte co fin de que lles resulte o máis didáctica e proveitosa posible. Durante a súa charla falará da riqueza toponímica excepcional que posúe Galicia e do perigo que corre de se perder nas últimas décadas. Para que este patrimonio cultural inmaterial non desapareza temos a aplicación colaborativa Galicia Nomeada, ferramenta dixital cuxo funcionamento centrará unha boa parte do tempo que dura a charla : como engadir un novo topónimo, como subir un arquivo de son onde algún maior pronuncia o topónimo ou conta algunha lenda relacionada con el, somo subir unha imaxe dun elemento de interese cultural...
Por último, as distintas xeracións que se darán cita nesta actividade poderán aprender a orixe e significado dos nomes das parroquias e aldeas deste concello ourensán, unha parte da charla que conta coa colaboración na investigación etimolóxica do académico e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza. Ademais de nomes transparentes para eles, como poden ser O Outeiro, Os Chaos ou A Ponte, tamén aprenderán outros máis escuros, como Sendín, que procede do xenitivo dun nome persoal medieval de orixe xermánica Sindinus / Sendinus; ou o propio nome do concello que recibe esta denominación polo río que o rega, o río Arnoia, un nome prerromano con moitos séculos de antigüidade.
Próxima cita: A Illa de Arousa
Tras Arnoia, Toponimízate visitará o concello da Illa de Arousa para manter un encontro tamén coa rapazada do seu IES. A cita será o venres 18 de outubro no Salón de Plenos do concello a partir das 11:00 horas.