Toponimízate acode ao rescate da microtoponimia de Dozón
Dozón está a vivir unha alarmante perda de habitantes como boa parte dos concellos do interior do país: no que vai de século, a súa poboación reduciuse á metade, pois no último censo de poboación de 2024 non chegan aos 1.000 habitantes. Outros indicadores demográficos preocupantes do municipio son a súa densidade de poboación, entre as máis baixas da provincia, ademais da súa elevada media de idade.
O drama do despoboamento implica consecuencias menos visibles pero igual de dramáticas para a cultura deste país, como é a perda do noso patrimonio inmaterial toponímico. Por ese motivo, a Real Academia Galega e a Secretaría Xeral da Lingua fan un chamamento a que acudan todas as persoas e asociacións comprometidas na conservación e transmisión da nosa toponimia á charla Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, que terá lugar o vindeiro venres 24 de outubro na sala anexa da Casa Consistorial de Dozón a partir das 17:00 horas.
No evento, que será presentado polo alcalde do municipio, Adolfo Campos Vázquez, Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico do Seminario de Onomástica da RAG, explicará de xeito práctico e ameno as principais funcionalidades da aplicación colaborativa Galicia Nomeada para a recolleita da microtoponimia galega e da tradición oral vencellada a ela. As persoas asistentes aprenderán, xa que logo, a manexar tanto a versión para navegadores web como a versión para dispositivos móbiles e coñecerán as súas principais funcionalidades: como solicitar unha conta de usuario, como engadir un novo topónimo, como enviar suxestións e completar a información da toponimia existente...
Ademais da formación práctica sobre o funcionamento de Galicia Nomeada, na parte final do relatorio, Vicente Feijoo explicará a orixe e significado dos nomes das parroquias do concello de Dozón, un sección que conta co apoio na investigación destas etimoloxías do académico e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza. O propio nome do concello, Dozón, será un dos protagonistas da sección: documentado xa desde o século VI como un dos límites do condado de Deza, trátase dun derivado do nome do río que rega estas terras, o Deza, un hidrónimo prerromano de orixe escura.
Val do Dubra, última cita da campaña Toponimízate 2025
O concello coruñés de Val do Dubra porá o ramo á campaña Toponimízate 2025. A cita será o xoves 6 de novembro no seu Auditorio Municipal.