O Seminario de Onomástica explícalle á veciñanza da Caniza as razóns do cambio do nome do concello

A Real Academia Galega explicoulle este sábado á veciñanza da Caniza as razóns pola que ditaminou mudar a denominación deste concello pontevedrés, ata agora oficialmente A Cañiza, para que a forma xenuinamente galega sexa recoñecida na vindeira actualización do Nomenclátor de Galicia, a listaxe que recolle os nomes das entidades de poboación da Comunidade Autónoma. O auditorio da Casa da Cultura acolleu unha xuntanza na que tres académicos especialistas en toponimia, membros do Seminario de Onomástica da institución, expuxeron as razóns lingüísticas, históricas e normativas que xustifican esta decisión, que atinxe tamén a denominación da parroquia homónima.

O coordinador do Seminario de Onomástica, Antón Santamarina; a secretaria da RAG, Ana Boullón, e o tamén académico de número Gonzalo Navaza compareceron ante os veciños e veciñas da Caniza xunto ao secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, e o alcalde, Luis Piña, quen presentou e moderou a sesión.

A reunión permitiu que o público coñeza en detalle a investigación realizada pola RAG de cara a propoñer a restitución da forma galega do nome deste municipio da comarca da Paradanta. O traballo realizouse no marco das competencias asignadas á Academia pola Lei de Normalización Lingüística, entre as que figura estudar e propoñer a restauración da onomástica galega de cara á súa oficialización. 

A proposta de restablecer a forma A Caniza foi validada este verán pola Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia, xunto ás modificacións que implican outros once nomes de concellos, a inclusión de topónimos de novas entidades de poboación e cambios, na maioría dos casos menores, doutros nomes que designan parroquias e lugares. Tras este visto e prace, entrará en vigor unha vez sexa aprobado polo Consello da Xunta.

Tipos