A rapazada de Cervantes disponse a rescatar a memoria toponímica dos seus maiores
A rapazada de Cervantes disponse a rescatar a memoria toponímica dos seus maiores
Unha ampla representación de varias xeracións do concello de Cervantes uníronse o pasado luns no seu CPI cun obxectivo común: aprender como salvagardar os nomes das súas terras e dos montes que tanto definen este territorio, tales como Os Tres Bispos, O Mustallar... A campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra tivo unha xuntanza o pasado luns 6 de outubro neste concello dos Ancares co alumando que está a cursar a secundaria e os últimos cursos da primaria, con parte do seu profesorado, ademais dalgúns familiares e veciños da cativada, entre eles algún membro do Colectivo Patrimonio dos Ancares, entidade que leva anos recuperando e difundindo o amplo e singular patrimonio cultural da comarca.
A actividade desenvolveuse na biblioteca do CPI de Cervantes e foi presentada polo propio alcalde Benigno Gómez Tadín, acompañado de dous concelleiros da corporación, Óscar Fernández Gómez e Encarna Amigo Díaz, esta última deputada provincial no Parlamento de Galicia, que quixeron amosar deste xeito o compromiso da súa administración coa salvagarda do patrimonio inmaterial de Cervantes. A presentación do relator; Vicente Feijoo Ares, correu a cargo de Chus Gil Castro, xefa de estudos deste centro de ensino.
Vicente Feijoo, coordinador técnico do Seminario de Onomástica da RAG e de Galicia Nomeada, faloulles ás novas xeracións de Cervantes do importante papel que poden desenvolver neste proxecto colectivo de salvagarda da toponimia menor (nomes de terras, fontes, regueiros, penedos...). Eles son o novo elo dunha cadea de transmisión que soubo manter os nomes das terras de xeración en xeración ata os nosos días. Agora tócalles a eles perpetuar a memoria dos seus avós e avoas a través das novas tecnoloxías, por iso tomaron boa nota de como funcionaba a aplicación Galicia Nomeada. Ademais, tiveron a sorte de escoitar á señora Ofelia, unha das principais informantes dun proxecto promovido polo cineasta Óliver Laxe e que está a levar a cabo unha gran investigadora da cultura popular e do patrimonio inmaterial, a arqueóloga e historiadora Ana Filgueiras Rei, tamén presente no acto.
Vicente Feijoo convidou a alumnado e profesorado a unirse á ampla nómina de centros de ensinos que xa traballan man a man con Galicia Nomeada para recuperar e difundir a súa toponimia, traballo que ten un potencial didáctico moi produtivo. Tamén fixo fincapé na urxencia que corre rexistrar a microtoponimia deste concello cada vez máis deshabitado e que, ademais, non foi obxecto de estudo na época en que estivo activo o Proxecto Toponimia de Galicia (PTG 2000-2011).
Para rematar co evento, que se prolongou durante dúas horas, adultos e novos coñeceron a etimoloxía dos nomes de todas as parroquias situadas no termo municipal deste concello. Foron moitas as etimoloxías que sorprenderon aos rapaces, pero a maior sorpresa levárona cando descubriron que a orixe do nome do seu concello non ten nada que ver cos cervos, como demostramos neste novo artigo da sección Detrás do nome.
Esta parte serviu ademais pata obter unha información moi valiosa que servirá para corrixir algúns nomes oficiais do Nomenclátor de Galicia neste concello de Cervantes. Entre outros, o nome da aldea chamada Aucella, na parroquia de Ceireixedo, aparece con artigo na documentación antiga, como no Catastro do Marqués de Ensenada, un uso que aínda conservan os falantes. Pola súa banda, o lugar de Cancillós, nesta mesma parroquia, é pronunciado pola xente como Cancillois, forma tamén rexistrada no CME; e Folgueiroa, aldea da parroquia de Dorna, é coñecida polos veciños maioritariamente como Folgueirúa, co sufixo diminutivo propio da fala desta zona.