Baralla, outro concello da comarca dos Ancares que se toponimiza
A comarca dos Ancares está sendo un dos obxectivos prioritarios neste ano 2025 da campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra. O día 6 de outubro, a charla impartiuse no concello de Cervantes pola mañá e pola tarde no concello de Baralla. A esta segunda cita acudiron moitos amantes da toponimia e do patrimonio inmaterial desta comarca, que tivo lugar no Centro Sociocultural e Xuvenil e foi introducida polo alcalde do concello, Miguel González Piñeiro.
Segundo comentou o propio rexedor na presentación, o equipo de goberno está moi interesado nesta iniciativa e ve a necesidade de recoller este patrimonio topónimo antes de que se siga perdendo. Considera que unha das mellores opcións é involucrar o alumnado do CPI Luis Díaz Moreno guiados pola profesora de lingua e literatura galega do centro, Mercedes Fernández Méndez, que tamén estivo presente na charla e mostrou a súa dispoñibilidade para uniren esforzos coa administración local e procuraren vías de colaboración neste sentido.
Entre o público que se deu cita, cómpre salientarmos a presenza de grandes amantes da toponimia de Baralla como, por exemplo, Eduardo Álvarez, coñecido como Eduardo do Costureiro. El foi un dos protagonistas do capítulo da serie Os nomes da nosa terra que se gravou na parroquia de Penarrubia, onde nos falou de xeito ameno e didáctico da importancia dos nomes das casas para a súa identidade persoal e colectiva. Outro puntal importante que teremos neste concello para a recolleita da microtoponimia é a tamén profesora de galego Ana Ayán Álvarez, nativa da parroquia de Covas, que está a mobilizar persoas dentro do seu concello para que se poñan mans á obra.
Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico de Galicia Nomeada encargado de impartir as charlas Toponimízate, procurou desde o comezo da súa intervención pór en valor a importancia dos nosos nomes de lugar como patrimonio cultural inmaterial, un patrimonio que esmorece de forma acelerada en concellos cun forte despoboamento coma é o caso de Baralla. Para recoller de forma colaborativa estes nomes de terras, montes, penedos, fontes, regatos... explicoulles ás persoas presentes o funcionamento da aplicación Galicia Nomeada: como solicitar unha conta, como introducir un topónimo, como enviar suxestións...
A charla pechouse cun dos momentos máis esperados nos encontros Toponimízate, a exposición da orixe e significado dos nomes parroquias e aldeas existentes no territorio do concello. Neste punto do relatorio, parte do público reivindicou a denominación antiga do concello, Neira de Xusá, que estivo vixente desde 1840 ata 1975, data en que mudou á forma actual Baralla. Vicente aproveitou para poñer o vídeo da serie Os nomes da nosa terra sobre os oicónimos de Penarrubia onde el mesmo explica que Neira de Xusá designaba en orixe as terras que estaban situadas na parte baixa regadas polo río Neira. O segundo elemento deste topónimo, Xusá, procede do adxectivo do latín vulgar IUSANA ‘de abaixo’. O adverbio latino DEORSUM ‘abaixo, cara abaixo’ transformouse no baixo latín en IUSUM / IOSUM e formas parecidas. Logo, de IUSUM formouse o adxectivo IUSANUS, -A, -UM, que tivo a seguinte evolución do seu feminino cara ao galego: IUSANA > xusana > xusá (coa variante xuxá quizais por asimilación fonética).
Como adoita acontecer, os nomes que suscitan máis interese entre a son aqueles máis complexos e escuros, coma algúns dos topónimos prerromanos que denominan algunhas parroquias: Berselos, Lebruxo, Lexo... Pero un dos que tiña intrigada a veciñanza, por ser un falso amigo da toponimia galega, é o nome actual do propio concello, Baralla. Neste artigo ofrecemos as distintas hipóteses que se barallan para explicar a súa etimoloxía.
Mondariz e Mondariz Balneario agardan xa pola vindeira cita Toponimízate
Sala de Cultura da Casa do Concello de Mondariz Balneario será o punto de reunión dos amantes da toponimia deste concello pontevedrés e do seu veciño, Mondariz. A cita, o venres 17 de outubro a partir das 19:30