Mondariz e Mondariz Balneario “uniranse” este venres co fin de traballar xuntos na salvagarda da súa microtoponimia
Estamos na recta final da oitava edición da campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, pois xa só quedan pendentes charlas en 3 concellos galegos. A próxima cita será este mesmo venres 17 de outubro nunha edición especial en que están convidados os veciños e veciñas de dous concellos irmáns: Mondariz e Mondariz Balneario. O evento promovido pola Secretaría Xeral da Lingua e mais a Real Academia Galega será na Casa do Concello de Mondariz Balneario a partir das 19:30 horas.
Na presentación deste relatorio impartido por Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico de Galicia Nomeada e membro do Seminario de Onomástica da RAG, estará acompañado por representantes das dúas corporacións municipais. Por parte do concello anfitrión, asistirán Rosa María Alcalde Seijo, tenente de alcalde; Aurora Corbacho Quintela, concelleira de Cultura, que foi a persoa que solicitou a charla e mostrou verdadeiro entusiasmo por esta actividade; e Mauro Chivite Alcalde, concelleiro de Medio Ambiente. Xunto a eles, en representación do concello de Mondariz, estará o propio alcalde, Pablo Barcia Bello.
A charla estará centrada en explicar o funcionamento da plataforma colaborativa Galicia Nomeada coa que, grazas ao compromiso e ao traballo altruísta de persoas voluntarias, institucións e asociacións, podemos recuperar miles de microtopónimos de todo o país. Cómpre salientar que no concello de Mondariz o traballo altruísta de varios colaboradores fixo posible rescatar máis de 1.900 en diferentes parroquias. Porén, en freguesías como Toutón, Gargamala, Lougares, Mouriscados ou Riofrío apenas hai nomes rexistrados das súas terras e montes.
O obxectivo fundamental é sensibilizar as persoas asistentes da urxencia que ten recoller os nomes da súa terra, conciencialos da importancia lingüística, histórica e cultural que teñen estes nomes e convencelos do valiosas que poden ser as súas achegas á gran base de datos da toponimia de Galicia. Para converterse en colaboradores deste proxecto cultural aprenderán a crear unha conta de usuario; engadir un novo topónimo incorporando imaxes, audios ou lendas; propoñer correccións sobre topónimos que xa aparecen no visor...
Para o final do relatorio quedará unha das partes que máis interese suscita nas charlas Toponimízate: a análise dos nomes das parroquias e aldeas dos dous concellos. Vicente Feijoo explicará a orixe e significado de, entre outros, o nome que comparten os dous municipios, Mondariz, un antrotopónimo de orixe xermánica, Mundericus ou Mondericus, que, segundo Joseph Piel e Dieter Kremer, está formado polos elementos mund-/mond ‘man, protección’ e -ricus ‘poderoso, famoso’.
Dozón, penúltima parada da campaña 2025
Toponimízate repetirá na provincia de Pontevedra na que será a penúltima charla da campaña 2025. A cita coa nosa toponimia tradicional terá lugar o venres 24 de outubro no Centro sociocultural do Castro, en Dozón, a partir das 17:00 horas.