Cambados coñece a importancia de salvagardar a nosa toponimia tradicional

Preto dun cento de rapaces e rapazas do IES Francisco Asorei asistiron o martes 12 de novembro a unha nova charla da campaña Toponimízate. Coñece os nomes da túa terra, impartida por Vicente Feijoo, do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega.

O encargado de presentar a charla foi Constantino Cordal Rodríguez,  tenente de alcalde do Concello de Cambados, e mais a profesora de lingua e literatura galega que coordina do Equipo de Dinamización e Normalización Lingüística do centro, Susana Otero. Durante a exposición de Vicente Feijoo, o alumnado e profesorado coñeceron a orixe dalgúns topónimos deste municipio, comezando polo propio nome do concello, Cambados; seguindo polos das parroquias como Oubiña, Corvillón, Vilariño... e finalizando polos das entidades de poboación, como Fefiñáns, Sartaxes, Cova de Lobos, Serantellos, Cacabelos... Moitos dos asistentes indicaron o seu interese en participar na recolla da microtoponimia que falta, pois xa se fixera unha recolleita inicial de máis de 1.500 topónimos a través do Proxecto Toponimia de Galicia no ano 2003. Vicente indicoulles como visulizar estes nomes a través do visor de topónimos e como completar a información a través da futura aplicación Galicia Nomeada.

O venres 15 de novembro, o concello ourensán de Beariz será a seguinte recalada da campaña Toponimízate.

Galería de imaxes
Tipos