Val do Dubra poralle o ramo á campaña Toponimízate 2025
A edición de 2025 da iniciativa Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra chega á súa fin o vindeiro xoves 6 de novembro. Faino despois de visitar 12 concellos das catro provincias galegas e sumar ducias de persoas e institucións colaboradoras ao proxecto con que a Real Academia Galega e a Secretaría Xeral da Lingua están a salvagardar a nosa toponimia e toda a tradición oral relacionada con ela.
A cita será no Auditorio Municipal de Val do Dubra a partir das 20:30 horas e a ela está convocada toda a veciñanza e colectivos que queiran coñecer a orixe dos nomes das parroquias e aldeas en que viven e, sobre todo, que queiran aprender como poden participar na salvagarda da microtoponimia do seu concello a través da plataforma colaborativa Galicia Nomeada.
O encontro será presentado polo alcalde de Val do Dubra, Diego Luís Díaz Méndez, quen amosou, a través do Servizo de Normalización Lingüística e da súa técnica, Andrea Muíño Quintáns, un forte interese en que a campaña Toponimízate visitase o seu concello. Xunto a eles tamén estará o tenente alcalde deste municipio, Antonio Negreira Noya.
O relatorio será conducido por Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico de Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da RAG. Durante a charla, as persoas asistentes poderán descubrir como contribuír á recollida e divulgación dos nomes de terras, fontes, regatos, penedos... do municipio mediante a aplicación Galicia Nomeada. Grazas a esta ferramenta, calquera veciño ou veciña pode rexistrar estes nomes que forman parte da memoria colectiva dos habitantes de Val do Dubra e do patrimonio cultural inmaterial de todo o país. Ademais, poderán facer as suxestións que consideren oportunas e completar a información que existe xa na aplicación con imaxes, lendas ou descricións que enriquezan toda a información dispoñible sobre este concello.
Cómpre ter en conta que neste concello xa se fixera unha primeira recolleita da súa microtoponimia cando estaba activo o Proxecto Toponimia de Galicia (PTG 2000-2011), etapa na que se recompilaran arredor duns 4.000 nomes en todo o seu territorio. O obxectivo agora é completar esa recolleita inicial, corrixir erros de localización e achegar audios coa pronuncia dos topónimos ou fotos dos elementos de interese cultural nas fichas de cada un dos topónimos existentes no visor de Galicia Nomeada. Un dos colectivos que xa mostrou moito interese en facer este labor é a Asociación Vento Libre da parroquia de San Román, que xa contactou hai tempo cos responsables de Galicia Nomeada.
Na parte final da charla, o público asistente coñecerá a orixe e significado dos nomes das súas parroquias e aldeas. Como non podía ser doutro xeito, Buxán e Val do Dubra, denominacións que tivo este municipio ao longo da súa historia, serán uns dos topónimos protagonistas: Dubra é un hidrónimo de orixe prerromana, emparentado co irlandés antigo dobur ou o galés dwfr, os dous co significado de ‘auga’ e todos eles derivados dun protocelta dubron, dubrā do mesmo significado; Buxán é un derivado do nome persoal latino BUSIUS, *BUSIANUS, moi documentado en Galicia desde o século X.
Sobre Toponimízate
Dende o ano 2017, a Secretaría Xeral da Lingua en colaboración coa Real Academia Galega están ofrecendo charlas divulgativas por medio do programa Toponimízate en concellos, colexios, asociacións culturais e centros de maiores sobre o valor cultural da toponimia galega e a necesidade de colaborar na súa recolleita a través da plataforma Galicia Nomeada. Val do Dubra será o concello número 108 en que se realiza esta iniciativa; unha campaña que terá continuidade no vindeiro 2026 noutros 12 concellos galegos.