Dozón implícase na recolla dos nomes das súas terras
A sala do edificio anexo á Casa Consistorial de Dozón encheuse de persoas comprometidas coa conservación e transmisión dos nomes das leiras, fontes, camiños, penedos... deste concello e mais da comarca do Deza, pois tamén asistiu xente de Agolada e de Lalín á charla Toponimízate que se impartiu alí o pasado venres 24 de outubro.
O alcalde do municipio, Adolfo Campos Vázquez, foi o encargado de presentar o acto e mais o relator, Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico do proxecto Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da RAG. Estivo acompañado por persoal técnico do Concello, como Vanessa Hermida, que foi a encargada de organizar esta actividade. O rexedor municipal destacou a importancia da toponimia menor como patrimonio cultural e tamén a sensibilidade que produce, ás veces, os cambios de grafías en topónimos oficiais, pois xa se teñen rexistrado varias polémicas entre a veciñanza con topónimos deste concello como Cadaval / Cadabal; Hedreira / Edreira; Bidueiros / Vidueiros; Sanguiñedo / Sanguñedo; O Sisto / O Sixto... Tamén mostrou o seu compromiso de falar co profesorado do CEIP Pío Cabanillas Gallas deste municipio para que involucren o seu alumnado na recolla dos topónimos.
A tarefa de recoller os nomes das terras do concello de Dozón é moi urxente por varias causas: ademais de sufrir un forte despoboamento coa perda da metade da súa poboación no que vai de século, este concello non foi obxecto de traballo na época en que estivo activo o Proxecto Toponimia de Galicia (PTG 2000-2011) e apenas temos colaboradores rexistrados na plataforma Galicia Nomeada. Por iso, Vicente Feijoo centrou o seu relatorio, como vén sendo habitual, en explicar o funcionamento desta aplicación colaborativa. O público asistente coñeceu como solicitar unha conta de colaborador/a; como introducir un topónimo; como anexar fotos, audios ou documentos; como cargar ortofotos de distintos anos ou capas de información cartográfica; como enviar suxestións sobre topónimos xa existentes no visor...
Temos que destacar a presenza na charla dunha persoa natural de Agolada, Fidel Torreiro Sarandeses, que a pesar de vivir e traballar durante moitos anos en Madrid leva recollido centos ou miles de topónimos do seu concello. Agora que se xubilou e retornou á terriña, está disposto a introducir toda esa información na plataforma Galicia Nomeada. As súas palabras foron: “esta aplicación era o que levaba buscando desde hai moito tempo”. Oxalá esta paixón de Fidel sirva de exemplo para moita xente da comarca do Deza.
O charla de Dozón pechouse, como xa é habitual, coa sección dedicada a divulgar a orixe e mais o significado dos nomes das parroquias e dalgunha das aldeas que compoñen o concello. O propio nome do municipio, Dozón, foi un dos protagonistas desta parte do relatorio e serviu, ademais, para dar a coñecer a sección O Seminario de Onomástica responde, pois reproduciuse o vídeo da académica correspondente Luz Méndez falando da etimoloxía deste topónimo. Outros topónimos únicos en toda Galicia son Moi e Mizoite, analizados neste artigo da sección Detrás do nome deste portal.
Val do Dubra acollerá a última charla Toponimízate 2025
A exitosa campaña Toponimízate 2025 porá o ramo o vindeiro xoves 6 de novembro no concello coruñés de Val do Dubra. A cita terá lugar no Auditorio Municipal a partir das 20:30 horas.