A campaña Toponimízate 2024 busca colaboradores para a recolla dos nomes de lugar nunha ducia de concellos

A campaña de divulgación da toponimia galega Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra volverá percorrer neste 2024 as catro provincias galegas na procura de persoas e entidades que se sumen aos milleiros de colaboradores que están a participar na recolla de nomes de montes, leiras, fontes, camiños, regos, devesas e outros microtopónimos a través da plataforma Galicia Nomeada e da súa aplicación para dispositivos móbiles. Valéndose da tecnoloxía e mais da participación cidadá interxeracional, na que os informantes de máis idade son o elo fundamental, esta iniciativa pretende salvagardar un patrimonio inmaterial que durante séculos funcionou como localizador xeográfico, e que fai de Galicia un lugar único no mundo pola súa abundancia.

Alén de evitar o risco de perder todos eses nomes por mor da transformación do modo de vida tradicional, nas charlas da campaña, coordinada e desenvolvida pola Real Academia Galega e financiada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, falarase desta volta sobre a orixe e o significado de máis de 1300 topónimos pertencentes aos doce concellos nos que se fará parada este ano. Entre os meses de xuño e novembro, Toponimízate visitará Camariñas, Tordoia e Boiro na provincia da Coruña; Abadín, Antas de Ulla e Láncara en Lugo; Cualedro, Vilar de Santos e A Arnoia en Ourense; e Salceda de Caselas, Barro e A Illa de Arousa en Pontevedra. Todas as sesións serán impartidas polo coordinador técnico do Seminario de Onomástica da RAG e de Galicia Nomeada, o filólogo Vicente Feijoo, contando coa colaboración na parte etimolóxica do académico de número Gonzalo Navaza, profesor da Universidade de Vigo.

Os doce municipios elixidos teñen en común seren territorios nos que apenas se actuou cando estaba activo o Proxecto Toponimia de Galicia (PTG 2000-2011), polo que practicamente toda a súa microtoponimia segue pendente de recoller; e contaren ata o momento con moi poucos colaboradores dados de alta na plataforma Galicia Nomeada, xestionada polo Seminario de Onomástica da RAG. 

A campaña Toponimízate 2024 presentouse esta mañá da Fundación Luis Seoane nunha rolda de prensa na que interviñeron o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; e mais o encargado das charlas, o filólogo Vicente Feijoo. “Os nomes somos nós”, salientou o presidente da RAG citando un dos poemas da escritora á que a institución lle dedica este ano as Letras Galegas. “Vimos de celebrar a figura de Luísa Villalta, unha autora que destacou a importancia que ten a toponimia nas nosas vidas. Esta campaña procura implicar toda a sociedade: veciños e veciñas, asociacións, centros de ensino, comunidades de montes... para entre todos recuperarmos un patrimonio que nos fai singulares e evitar que esmoreza. Salvagardar a nosa toponimia é recuperar toda a historia da nosa terra que se agocha detrás de cada un dos seus nomes”, salientou.

Pola súa banda, o secretario xeral da Lingua enxalzou a toponimia como “unha das grandes riquezas” do idioma galego e referiuse ao importante labor desenvolvido para a súa protección a través de Galicia Nomeada. Valentín García cualificou esta iniciativa impulsada pola Real Academia Galega e a Xunta de Galicia como “moi innovadora” e lembrou que “valeu de modelo para outras comunidades autónomas” que se interesaron por ela. Ademais, erixiu este proxecto como un “referente” na colaboración entre as institucións públicas e a cidadanía na preservación do patrimonio cultural inmaterial.

Dende a primeira edición de Toponimízate en 2017, máis de 5000 persoas participaron nas charlas impartidas por todo o país, apuntou o filólogo da RAG encargado de impartilas. “E os nomes de concellos, parroquias e aldeas de que se falou en todas as charlas superan os 10 000”, engadiu Vicente Feijoo, que se referiu ademais a esta proposta como “unha experiencia enormemente enriquecedora e gratificante” para os organizadores.

Toponimízate chegou dende 2017 a máis de 80 concellos integrados na Rede de Dinamización Lingüística. Tamén ofreceu sesións na Fundación Eduardo Pondal (Ponteceso); a Escola Oficial de Idiomas Jesús Maestro de Madrid; o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude; o Instituto de Estudos Ulloáns (Monterroso); e no Bierzo da man do Grupo As Médulas; así como en tres centros de maiores da rede da Xunta de Galicia (As Neves, Ortigueira e Mondego en Sada), nunhas sesións estas últimas que pretenden demostrarlles ás persoas de máis idade a importancia do seu papel, como transmisores, na preservación do patrimonio toponímico.

As doce sesións vindeiras

A charlas Toponimízate 2024 comezarán no vindeiro mes de xuño e prolongaranse ata novembro. A primeira cita terá lugar en Cualedro, o venres 14 de xuño a partir das 20:00 horas na Casa da Cultura. As seguintes sesións durante o verán serán por esta orde en Vilar de Santos (sábado 22 de xuño ás das 12:00 h no Museo Etnográfico da Limia), Camariñas (venres 28 de xuño, ás 20:00 h no Centro Cultural Casa de Pedra), Tordoia (xoves 4 de xullo, ás 20:00 h na Casa da Cultura), Abadín (venres 30 de agosto ás 20:00 h no salón de actos da Casa do Concello), Antas de Ulla (venres 6 de setembro ás 19:30 h na Casa da Cultura), Salceda de Caselas (venres 13 de setembro ás 20:00 h na Casa da Cultura Castelao) e Láncara (venres, 20 de setembro ás 12:00 h no CPI Ramón Piñeiro). Xa en outono, as sesións continuarán en Barro (venres 27 de setembro ás 20:00 h no salón de plenos da Casa do Concello), A Arnoia (mércores 16 de outubro ás 12:00 h no salón da Cooperativa do Pemento), A Illa de Arousa (venres 18 de outubro ás 11:00 h no salón de plenos da Casa do Concello) e finalmente Boiro (venres 8 de novembro ás 20:00 h no Centro Social de Boiro).

Galería de imaxes
Tipos