Éxito de participación en Quiroga no regreso da Campaña Toponimízate 2026

A campaña de recuperación e posta en valor da nosa toponimia tradicional, Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, volveu con folgos renovados tras o descanso estival. Fíxoo o pasado venres 27 de setembro nunha Casa da Cultura de Quiroga que acolleu a ducias de amantes da nosa toponimia tradicional dispostos a colaboraren co proxecto Galicia Nomeada na recolla dos nomes da súa terra e moi interesados en comentar os seus topónimos, tanto que a charla durou case 3 horas. O éxito correspóndese cun dato: máis da metade dos asistentes xa fixeron a solicitude dunha conta de usuario na plataforma colaborativa durante a charla e agardamos que o resto o fagan nos vindeiros días.

O acto foi presentado polo alcalde quirogués, José Luís Rivera Castro, e mais o concelleiro de Cultura e Dinamización Lingüística, Xosé Manuel Fernández Montes, que na súa presentación fixeron fincapé en que nun concello tan grande coma Quiroga, con máis de 300 km², ten que haber miles de topónimos que se están perdendo e convidaron aos presentes, entre eles había membros de asociacións culturais e veciñais, a organizarse para recollelos e salvagardalos para as vindeiras xeracións coa aplicación Galicia Nomeada. Ambos os dous tamén manifestaron o seu agradecemento coa SXL e coa RAG por seleccionar o seu concello para desenvolver esta interesante actividade na campaña deste ano. 

Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico de Galicia Nomeada e encargado de impartir estes relatorios, agradeceu tanto as palabras do rexedor e do edil e, sobre todo, a boa acollida neste relanzamento da campaña que durante os vindeiros meses levará a paixón pola toponimia a outros seis concellos galegos, ademais de Quiroga. Aproveitando a asistencia dun público comprometido e convencido da necesidade de colaborar na recolleita duns nomes de terras e montes que desaparecen día a día,  centrou boa parte da charla en explicar o funcionamento da plataforma colaborativa Galicia Nomeada, a ferramenta dixital para a recolla dos microtopónimos galegos e de toda a tradición oral vencellada a eles. Durante a demostración, o propio alcalde, José Luís Rivera, serviu como informante para introducir nomes de terras da súa aldea, Bendollo.

Na parte final da charla, Vicente Feijoo faloulles da orixe e significado dos topónimos maiores deste concello, comezando pola orixe milenaria do nome do municipio, Quiroga (que se pode ver neste artigo), seguindo cos nomes das parroquias e, finalmente, cos das aldeas polas que as persoas asistentes quixeron preguntar, algo que suscitou moito interese e participación do público. Como é lóxico, interesáronse por saber daqueles nomes máis escuros e complexos como Bendollo, Bendilló, O Meiral, Sesmil, A Goia, Arxubín,  Vilañán, Liexazós, Vilanuíde, Vilarmel... Incluso houbo tempo para debater sobre a variación de grafías na escrita (B/V) en topónimos como A Bergaza, Revide... e para que os veciños expuxeran as etimoloxías populares que circulan sobre algúns destes nomes. Tamén informaron de distintas pronuncias na fala local respecto de topónimos oficiais como O Fuluxento, que din Fluxento.

Para rematar, explicáronse os cambios nos nomes oficiais de Quiroga tras a publicación do novo Nomenclátor de Galicia 2926 hai un meses: entre elas, a advocación da parroquia de Bendollo, que pasou a ser Santalla en lugar de Santa Baia; nesta mesma parroquia, Bendollo de Feais pasou a ser simplemente Bendollo e O Soldón é hoxe A Ponte Soldón. Todas estas mudanzas están sobradamente xustificadas por unha exhaustiva investigación oral e documental realizada polos técnicos especialistas do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega. 

Paradela, nova cita coa Toponimízate esta mesma semana

Seis novas citas difundirán o valor da toponimia galega noutros tantos concellos de aquí a final de ano. A vindeira será esta mesma semana sen mudar de provincia: o Centro Sociocultural Manuel Oreste do concello Paradela acollerá unha charla Toponimízate este venres 4 de setembro a partir das 19:30 h.

Galería de imaxes
Tipos