Topomimízate peregrinou polo concello lugués de Paradela

A campaña de posta en valor do valor cultural dos nosos nomes da terra e da súa recuperación a través das novas tecnoloxías, Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, chegou o pasado venres 4 de setembro ao un dos concellos lugares polos que atravesa o Camiño Francés, Paradela.

Neste concello xa se recolleran na época en que estivo activo o Proxecto Toponimia de Galicia (PTG 2000-2011) preto de 1.000 microtopónimos (nomes de terras, montes, fontes, penedos...) nas parroquias polas que pasa o Camiño de Santiago, pero agora quedan o resto de parroquias por rexistran os seus nomes menores.

Con este obxectivo acudiu ata o Centro Sociocultural Manuel Orestes Rodríguez de Paradela Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico do proxecto colaborativo Galicia Nomeada, para concienciar a veciñanza e mais a corporación da importancia da súa implicación na recolleita e salvagarda dos nomes de terras deste concello antes de que se perdan.

O acto foi presentado pola alcaldesa, Montserrat Mulet Sar, e a concelleira de Promoción de Emprego, Formación, Cultura e Novas Tecnoloxías, Ana Belén López Álvarez. Ambas as dúas manifestaron o seu agradecemento coa SXL e coa RAG por seleccionar o seu concello para desenvolver esta interesante actividade na campaña deste ano. Tamén estivo presente na charla outro membro da corporación municipal, Jesús Pablo López González, concelleiro de Transformación e Desenvolvemento Agrogandeiro, Desenvolvemento do Medio Rural e Medio Ambiente.

Durante a charla, explicouse pormenorizadamente o funcionamento da aplicación Galicia Nomeada, tanto na súa versión de escritorio para ordenador como a app para dispositivos móbiles. As persoas asistentes aprenderon a solicitar unha conta de usuario; introducir un novo topónimo e achegar información gráfica e sonora (fotografías, arquivos de audio, vídeos, documentos...); facer suxestións para corrixir outros nomes que xa figuren no visor en cada unha das parroquias...

Na parte final da charla, Vicente Feijoo faloulles da orixe e significado dos topónimos maiores deste concello, comezando pola posible vinculación do nome do concello, Paradela, un diminutivo de Parada, co paso do Camiño de Santiago por estas terras, así como outros nomes de parroquias, Francos ou Ferreiros, e de aldeas como A Carretería.

Esta parte resultou moi interesante e produtiva pola presenza na sala de Ángel Fernández López, mestre xubilado que tamén foi inspector e delegado de Educación en Lugo e que ten un gran coñecemento sobre a historia deste concello plasmado en varios dos seus libros; entre outros motivos por iso ten o título de Fillo predilecto de Paradela. Naceu na Casa do Arrieiro dunha aldea cun nome ben curioso, Nai (quizais procedente do xenitivo NANI dun nome de posesor medieval NANUS, atestado no CODOLGA), que pertence á parroquia de San Vicente de Paradela. Entre os moitos nomes de entidades de poboación que se comentaron, podedes ver neste artigo a discutida orixe do topónimo Mirallos.

Para rematar, explicáronse os cambios nos nomes oficiais de Paradela tras a publicación do novo Nomenclátor de Galicia 2926 hai un meses: entre eles, *Moutras pola forma aguda Moutrás, na parroquia da Laxe; ou *San Facundo de Ribas de Miño por San Fagundo de Ribas de Miño.

Agardamos que as persoas asistentes á charla divulguen entre a veciñanza, sobre todo entre a xente máis nova, a importancia e urxencia de facer este traballo de recolleita dos nomes da súa terra traballando conxuntamente coas persoas maiores do concello. Nesta semana que comeza un novo curso escolar, estaría moi ben involucrar ao colexio do municipio, o CEIP San Miguel de Paradela.

O Pereiro de Aguiar, nova parada de Toponimízate nesta mesma semana

A seguinte charla sobre a toponimia galega será esta mesma semana na provincia de Ourense, concretamente no Centro de Maiores Os Gozos do concello do Pereiro de Aguiar, a partir das 19:30 h da tarde. Non faltedes e xa veredes como vos sorprendemos coa interesante información que agochan os nomes das nosas aldeas e parroquias.

Galería de imaxes
Tipos