Os maiores do Pereiro de Aguiar protagonizarán a próxima charla da campaña Toponimízate

A campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra desprázase esta semana á provincia de Ourense para un evento moi especial no Centro de Maiores Os Gozos, onde estarán presentes as persoas maiores usuarias deste centro social xunto con todos os veciños e veciñas que teñen interese na nosa toponimia tradicional. As persoas maiores son os que atesouran, manteñen e gardan a nosa riqueza toponímica; son a memoria viva dos nomes da terra, polo que forman talvez o grupo máis importante para atraelos a colaborar no proxecto Galicia Nomeada. 

A finalidade desta cita, que terá lugar o venres 11 a partir das 19:30 horas, será tirar o máximo proveito do saber e do coñecemento do territorio da antiga Terra de Aguiar que ten a súa veciñanza. O evento será presentado polo alcalde do concello do Pereiro de Aguiar e tamén presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor Pérez; polo concelleiro de Cultura, ocio e tempo de lecer, Casiano Ángel Feijoo, e mais a técnica de Cultura, Pilar Conde. Eles serán os encargados de presentar o relator, Vicente Feijoo Ares,  especialista en toponimia do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega e coordinador técnico do proxecto colaborativo Galicia Nomeada. 

Tras unha breve introdución en que se falará da riqueza toponímica de Galicia, o seu valor cultural e o risco que corren de perderse os nomes da nosa terra, a parte central da charla estará dedicada a ensinar como funciona a aplicación colaborativa Galicia Nomeada, a plataforma coa que se levan recollido milleiros de topónimos en todo o país grazas ao esforzo de centos de persoas, institucións e entidades. Neste concello ourensán xa se recuperaron máis de 1.000 microtopónimos grazas á colaboración de entidades como a Asociación de Veciños da parroquia de San Xoán de Moreiras, da que é secretario e tesoureiro o académico Xosé María Gómez Clemente, e, especialmente, ao profesor xubilado Xosé María Carballeira, que desde 2023 incluíu case 900 nomes do concello.

Deste xeito, a aplicación Galicia Nomeada centrará gran parte do evento: as persoas asistentes coñecerán dun xeito ameno e práctico as principais funcionalidades da plataforma, tanto na súa versión de escritorio como nas aplicacións para dispositivos móbiles, co fin de que finalicen a sesión sabendo como solicitar unha conta de usuario, como engadir un topónimo e achegarlle fotografías, arquivos de son, lendas...; así como facer suxestións sobre os erros que poidan existir nos nomes que xa figuran no visor.

Para o final quedarán dúas das partes que máis atención acaparan nas charlas Toponimízate. Na primeira, repasaranse as novidades que trouxo neste concello ourensán a nova revisión do Nomenclátor de Galicia publicada en marzo de 2026: os lugares de Lagocios, A Eirexa, As Papelas e Vilariño pasaron a se denominar Lagozos, A Igrexa, As Papelas e Vilariño Grande, mentres que O Cerrado incorporou o artigo que lle é propio. 

Xa para rematar, os asistentes poderán coñecer a orixe e significado do nome do concello, das 13 parroquias e daquelas aldeas polas que queiran preguntar. Nesta parte colabora con Vicente Feijoo na investigación das etimoloxías dos topónimos o profesor da Universidade de Vigo e académico da RAG Gonzalo Navaza.

O Bolo, seguinte parada da campaña Toponimízate

A campaña Toponimízate continuará na provincia de Ourense dentro de dúas semanas. A Sala Coworking da Antiga Casa Cuartel do Bolo agarda o vindeiro venres 25 de setembro a partir das 19:00 a todos os amantes da nosa toponimia tradicional interesados en que non se perdan os nomes do territorio das súas respectivas aldeas.
 

Tipos