Nova “parada” da campaña Toponimízate no concello de Paradela

Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra fará unha nova parada en terras luguesas esta mesma semana. O vindeiro venres 4 de setembro a partir das 19:30 h, a campaña con que a Real Academia Galega e a Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia conciencian a poboación da importancia de conservar os nomes das teras, montes, fontes, regatos... chega ao Centro Sociocultural Manuel Oreste Rodríguez do concello de Paradela. Alí, a alcaldesa, Montserrat Mulet Sar e a concelleira de Promoción de Emprego, Formación, Cultura e Novas Tecnoloxías, Ana Belén López Álvarez, serán as encargadas de presentaren o acto para convidar os seus veciños e veciñas a colaborar co proxecto Galicia Nomeada.

Este labor é, sen dúbida, urxente no concello de Paradela: alén de vivir nas últimas décadas unha alarmante perda de habitantes, este municipio do interior da provincia de Lugo non foi obxecto dunha recolla toponímica exhaustiva durante os anos en que estivo activo o Proxecto Toponimia de Galicia (PTG 2000-2011). Só se traballou, e de forma incompleta, naquelas parroquias polas que transcorre o Camiño Francés. Xa que logo, a Real Academia Galega e a Secretaría Xeral da Lingua fan un chamamento a que acudan á charla Toponimízate todas as persoas e asociacións comprometidas na conservación dos nomes menores das súas aldeas e parroquias.

Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico do Seminario de Onomástica da RAG, explicará de xeito práctico e ameno as principais funcionalidades da aplicación colaborativa Galicia Nomeada para a recolleita da microtoponimia galega e da tradición oral vencellada a ela. As persoas asistentes aprenderán, xa que logo, a manexar tanto a versión para navegadores web como a versión para dispositivos móbiles e coñecerán as súas principais funcionalidades: como solicitar unha conta de usuario, como engadir un novo topónimo, como enviar suxestións e completar a información da toponimia existente...

Ademais da formación práctica sobre o funcionamento de Galicia Nomeada, na parte final do relatorio, Vicente Feijoo explicará as mudanzas que neste concello implicou a aprobación do novo Nomenclátor de Galicia en marzo deste ano: a freguesía de San Facundo de Ribas de Miño pasou a denominarse San Fagundo de Ribas de Miño e o lugar de Moutras adaptouse á forma oral da veciñanza, Moutrás

Nesta parte final, as persoas asistentes tamén poderán coñecer a orixe e significado dos nomes das parroquias e aldeas do concello de Paradela, un sección que conta co apoio na investigación destas etimoloxías do académico e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza. Ademais, proxectarase o vídeo da sección O Seminario de Onomástica responde en que o académico Antón Santamarina explica a orixe e significado do nome do concello.

Na vindeira semana, a campaña Toponimízate chega a terras ourensás, concretamente ao Concello do Pereiro de Aguiar

Toponimízate mudará de provincia a vindeira semana para se desprazar ao concello ourensán do Pereiro de Aguiar. O evento, que se celebrará no Centro de Maiores dos Gozos contará coa presenza de moitas persoas maiores usuarias deste  centro, que son os verdadeiros sabios dos nomes das terras deste municipio. A cita  será o vindeiro venres 11 de setembro a partir das 19:30 horas.

Tipos