A campaña Toponimízate visitará este venres o concello de Oleiros

Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra chega este venres 28 de outubro a Oleiros. A charla será impartida polo especialista en toponimia do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega e coordinador técnico do proxecto Galicia Nomeada, Vicente Feijoo, e terá lugar no auditorio da Fábrica de Perillo a partir das 20.00 horas. 

Esta actividade será presentada pola concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Belén Taboada Casal. Xunto coa animadora sociocultural, Élida Rodríguez Ferreño, informarán aos asistentes do proxecto “Os nomes de Oleiros”, coordinado por esta última e desenvolvido nos Talleres de Memoria do Programa de avellentamento activo. Este proxecto local compleméntase á perfección co proxecto colaborativo Galicia Nomeada.

O obxectivo desta campaña da Real Academia Galega, que conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, é difundir o valor da nosa riqueza toponímica e procurar involucrar colaboradores e colaboradoras na salvagarda dos nosos nomes de lugar a través da plataforma Galicia Nomeada.

Oleiros exemplifica un dos tipos de concellos que máis risco teñen de perder a súa toponimia tradicional. Nas últimas 5 décadas, a poboación deste municipio triplicouse ao pasar dos poucos máis de 10.000 habitantes con que contaba en 1970 aos 36.962 que recolle o último padrón, o de 2021. Ademais, cómpre ter en conta o peculiar desenvolvemento deste concello dos arredores da Coruña: se ben é certo que puntos como Santa Cristina, Santa Cruz ou Perillo concentraron grande parte desa nova poboación, desde finais do século XX foron moitas as urbanizacións de vivendas unifamiliares que se proxectaron, un tipo de construcións que implica a ocupación de moito espazo para moi pouca poboación. Estes desenvolvementos urbanos levan á desaparición de amplas extensións de terras, antes de labor, coa consecuente perda da súa microtoponimia tradicional. 

Por estes motivos, a Real Academia Galega fai un chamamento para que acudan ao relatorio todas aquelas persoas que coñezan o territorio e queiran colaborar na plataforma Galicia Nomeada. Durante o transcurso do acto, explicarase, entre outros contidos, como darse de acta no proxecto e como funciona a aplicación para a recolla toponímica que, desde hai 3 anos da súa posta en funcionamento, leva recuperados case 50.000 topónimos en Galicia.

O segundo dos puntos que se tratarán no relatorio será o das historias que agochan os nomes das parroquias e lugares do Concello de Oleiros, unha parte que conta coas achegas etimolóxicas de Gonzalo Navaza, experto en toponimia do Seminario de Onomástica e próximo académico da RAG. Nomes como A Babilonia, un topónimo de recente creación e con moitos enigmas respecto á súa orixe, ou Bastiagueiro, que figura como Bastigueiros e Bastagueiros na documentación antiga, serán explicados, xunto con outros moitos que esperten a curiosidade dos asistentes, na parte final do relatorio por Vicente Feijoo.

Cinco citas coa campaña Toponimízate en novembro

A campaña Toponimízate visitará 5 concellos durante o mes de novembro. As citas serán en  Ponteareas o mércores, 9 de novembro ás 20:00 h no auditorio municipal; Forcarei, o venres, 18 de novembro, ás 12:00 h no CEIP Nosa Señora das Dores; Guntín, o mércores, 23 de novembro ás 12:00 h na Casa da Cultura; O Incio, o venres 25 de novembro ás 19:00 h no salón de usos múltiples do Casa do Concello; e, finalmente, Zas, o luns, 28 de novembro, ás 16:30 h na sala de usos múltiples do IES Maximino Romero de Lema de Baio. 
 

Tipos