A rapazada do CPI de Cervantes, xunto cos seus familiares e veciños, descubrirán como salvagardar os nomes da súa terra a través de Galicia Nomeada
O vindeiro luns 6 de outubro, Cervantes vivirá unha cita moi especial: o alumnado e profesorado do CPI de Cervantes, acompañados por familiares e veciños, recibirán a vista da campaña Toponimízate 2025. Este centro de ensino sumarase ás ducias de colexios e institutos que no país están a traballar arreo na recuperación da nosa microtoponimia, moitos deles con proxectos interesantísimos que achegan unha información patrimonial moi valiosa á plataforma Galicia Nomeada.
O relatorio comezará a partir das 12 horas no CPI de Cervantes e a el asistirá todo o alumnado que cursa a ESO e algúns dos cursos superiores de Primaria. A actividade será presentada polo alcalde, Benigno Gómez Tadín, acompañado do tenente de alcalde, Miguel González Vilela, e mais o director do centro de ensino, Pablo Gómez Esqueira. Eles presentarán ao relator Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico de Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega.
As visitas a centros de ensinos da campaña da RAG e da Secretaría Xeral da Lingua adoitan ser ben produtivas. Nelas, o obxectivo é sensibilizar os mozos e mozas asistentes do papel tan importante que teñen nas súas mans: recoller dos seus avós e avoas, pais e nais, veciños e veciñas, toda a información que poidan sobre os nomes das leiras, dos regos, das fontes, camiños, penedos... que con tanto agarimo se conservaron de xeración en xeración. A rapazada convértese, así, en protagonista da transmisión dun patrimonio cultural que corre moito risco de perderse.
Vicente Feijoo explicaralles todo o que poden facer para conservar a toponimia das súas aldeas coa aplicación Galicia Nomeada, tanto desde os seus ordenadores coma desde os seus dispositivos móbiles: introducir un novo topónimo; gravar un son para rexistrar como pronuncian os seus avós os nomes; engadir algunha foto, un documento, unha descrición do lugar ou unha lenda... Falará de como están a traballar noutros centros de ensino para que en Cervantes sigan os seus exemplos ou para que propoñan novos métodos e iniciativas.
Por último, tamén se falará sa orixe e significado dos nomes das súas parroquias e aldeas, un espazo que adoita sorprender os asistentes ás charlas Toponimízate, xa que descobren moitas curiosidades que se agochan detrás dun nome de lugar nas que nunca repararan. Vicente Feijoo explicaralles tamén que son as etimoloxías populares e como unha delas fixo que o seu concello teña no escudo varios cervos, aínda que o topónimo Cervantes nada teña que ver con este animal.