A Estrada disponse a continuar o legado de Reimóndez Portela grazas a Galicia Nomeada

A Casa das Letras da Estrada vestiuse de gala para recibir a campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra. O pasado xoves 2 de outubro, ducias de persoas acudiron á chamada da campaña da Real Academia Galega e da Secretaría Xeral da Lingua coa que están percorrendo o país na procura de persoas e institucións que se sumen á recolla do noso patrimonio inmaterial toponímico antes de que este esmoreza. 

O lugar escollido para a charla non puido ser mellor: unha das salas da Casa das Letras estradense que desde o pasado 24 de setembro tamén acolle a exposición, Manuel Reimóndez Portela. O médico de San Miguel, unha sentida e máis que merecida homenaxe do seu concello a quen foi o coñecido como “o médico dos pobres”. Este médico rural, ademais da súa bonhomía exercendo a profesión durante décadas no seu concello natal, salientou polo seu compromiso a prol da cultura estradense e galega, recollendo e divulgando a memoria colectiva da comarca e tamén a súa microtoponimia. Na obra A Estrada rural,  Raimóndez Portela fixo unha exhaustiva recolla dos seus chamadeiros “un a un ata formar un conxunto de miles de nomes (...) despois de ter ido por cada unha das parroquias e incluso da maioría dos lugares”, tal e como salienta o propio autor nas páxinas do libro.

A concelleira de Cultura da Estrada, Lucía Seoane Rosende, e o secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez, que actuaron como presentadores do evento, salientaron a figura de Manuel Reimóndez como un pioneiro na recolla dos nomes de camiños, regos, fontes, leiras, penedos... do país. Valentín García Gómez, ademais, fixo un chamamento ás persoas asistentes a seguir o camiño que abriu o médico e investigador estradense aproveitando as oportunidades que nos ofrecen as novas tecnoloxías e, en especial, Galicia Nomeada, un proxecto que cualificou de esencial para coñecer máis e mellor a nosa lingua a e nosa cultura. E para concienciar os seus veciños da necesidade desta colaboración co proxecto Galicia Nomeada mencionou os seguintes datos:  “A Estrada é un dos dez concellos galegos con máis superficie territorial, 281 km², pero  a súa microtoponimia aínda non figura na plataforma Galicia Nomeada. Tendo en conta que nun traballo de recolla exhaustivo poden chegarse aos 50 microtopónimos por quilómetro cadrado, poderiamos achegar a este proxecto un mínimo duns 14.000 nomes”. 

Tras a presentación, Vicente Feijoo incidiu na mensaxe do secretario xeral da Lingua convidando as persoas asistentes a unírense ao proxecto colaborativo para localizar todos os nomes de fontes, camiños, regos, montes... que Raimóndez Portela rexistrou na súa obra A Estrada rural e, así, ir un paso máis alá na conservación deste patrimonio cultural iniciada polo ilustre estradense. Deste xeito, o funcionamento da plataforma Galicia Nomeada centrou boa parte da relatorio co fin de que as persoas asistentes saísen da Casa das Letras preparadas para pórse mans á obra: como darse de alta, como engadir novos topónimos; como anexar imaxes ou arquivos de audio na ficha dun topónimo; como facer suxestións sobre nomes mal rexistrados ou mal situados etc.

A xornada pechouse, como é costume, coa sección dedicada a explicar a orixe e significado dos nomes das parroquias da Estrada. Deuse a circunstancia que entre o público asistente estivo Clara Iglesias Cortizo, autora imprescindible para coñecer a toponimia do concello estradense, grazas ao seu libro Os nomes da Estrada. Esta obra e  mais o libro Toponimia da Estrada de Fernando Cabeza Quiles, publicado pola Real Academia Galega, serviron de base para a exposición etimolóxica realizada por Vicente Feijoo. Entre tanta riqueza toponímica que atesoura este concello pontevedrés (50 parroquias e 517 aldeas), foron moitos os topónimos que chamaron a atención: un deles foi Toedo, que algúns autores ven nel un topónimo de traslado do Toledo manchego, como explicamos neste artigo. Outro dos topónimos que destacaron foi o de Matalobos, un topónimo aparentemente transparente, pero que pode ter varias interpretacións diferentes como poderedes ler neste artigo.

Dúas citas con Toponimízate a vindeira semana

A campaña Toponimízate non para: o vindeiro luns 6 de outubro dous concellos da comarca dos Ancares recibirán a campaña da Real Academia Galega e da Secretaría Xeral da Lingua: a primeira charla será en Cervantes ás 12:00 no seu CPI, onde se darán cita o alumnado e profesorado deste centro de ensino xunto á súa veciñanza; ás 19:00 h, o Centro Sociocultural de Baralla acollerá o último dos relatorios Toponimízate na provincia lucense deste ano.      
 

Galería de imaxes
Tipos