Toponimízate proporá rescatar a microtoponimia de Baralla

A campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra non para. Baralla será o terceiro concello que visitará en apenas 5 días, tras o seu paso pola Estrada e Cervantes. Os amantes da toponimia e do patrimonio inmaterial da comarca dos Ancares están convidados a participar neste encontro que terá lugar no Centro Sociocultural de Baralla o luns 6 de outubro a partir das 19.00 h

A iniciativa da Real Academia Galega e da Secretaría Xeral da Lingua chega a ese concello lucense coa necesidade de concienciar a poboación da importancia da salvagardar a súa toponimia tradicional. Comparten esta percepción os habitantes da parroquia de Penarrubia, protagonistas dun dos vídeos da serie documental Os nomes da nosa terra, en que nos deron a coñecer o importantes que son para a súa identidade persoal e colectiva os oicónimos, isto é, os nomes da casas. 

Eles foron os que amosaron o interese para que a campaña Toponimízate visitase o seu concello e puidese formar aos veciños doutras parroquias para recoller a súa toponimia a través de Galicia Nomeada. Como non podía ser doutro xeito, Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico de Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da RAG, acudirá a esta chamada para ofrecerlles un relatorio que será presentado polo alcalde do concello, Miguel González Piñeiro.

A visita tamén está obrigada pola urxencia de salvagardar a toponimia deste concellos lugués que non foi obxecto dunha recolla exhaustiva na época en que o Proxecto Toponimia de Galicia estivo activo entre os anos 2000 e 2011. A este dato cómpre engadir que, malia recibir este concello unhas 304 achegas por parte de 9 colaboradores desde a posta en funcionamento de Galicia Nomeada, moitas das súas parroquias, como Arroxo, Baralla, Berselos, Constantín, Covas, Ferreiros, Francos, Guimarei, Lebruxo, Lexo, Pacios... practicamente non teñen ningún topónimo recollido, agás os nomes das aldeas que figuran no Nomenclátor de Galicia. 

Por tanto, un dos grandes temas que abordará Vicente Feijoo na charla de Baralla será o funcionamento da plataforma Galicia Nomeada para que as persoas asistentes poidan aprender como darse de alta na aplicación para despois poder engadir un topónimo, como gravar e subir un arquivo de son ou engadir unha fotografía do lugar a través da aplicación. Tamén aprenderán a enviar suxestións sobre a toponimia xa existente no visor e outras funcionalidades de Galicia Nomeada, tanto na súa versión web como na aplicación para dispositivos móbiles. A finalidade é que, tras a charla, as persoas asistentes poidan pórse mans á obra para rexistrar os nomes das terras, fontes, regueiros, penedos... das súas aldeas e parroquias.

Tras esta formación metodolóxica, a charla pecharase coa parte das etimolóxica, en que se falará da orixe e mais o significado dos nomes de parroquias de Baralla, un apartado que conta co apoio na investigación destas etimoloxías do académico e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza. Entre os nomes que sairán na palestra, ademais de topónimos transparentes como Pedrafita de Camporredondo, Piñeira ou Covas, Vicente Feijoo falará de topónimos únicos e enigmáticos, como o propio nome do concello, Baralla, que espertou a curiosidade autores como Menéndez Pidal, Rivas Quintas ou Nicandro Ares, a pesar de que non chegaron a un acordo sobre a súa orixe. 
 

Tipos