A cultura popular será o centro da VIII Xornada de Onomástica Galega

Pontevedra volve acoller, un ano máis. a principal cita anual coa nosa toponimia e antrotoponimia. A Xornada de Onomástica Galega, organizada polo Seminario de Onomástica da Real Academia Galega coa colaboración da Deputación de Pontevedra, terá como fío condutor do programa a presenza e a análise dos nomes de persoa e de lugar no cancioneiro popular e de tradición oral.

A cita, que chega á súa oitava edición, desenvolverase o vindeiro 21 de outubro no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra e xa ten aberto o prazo de inscrición. Para poder asistir ás propias xornadas, é necesario enviar un correo electrónico antes do 18 de outubro a publicacions@academia.gal, no que figuren o nome e apelidos da persoa asistente, o DNI e mais o teléfono co fin de elaborar os diplomas de asistencia que se repartirán ao final das xornadas.

As sesións, que tamén se poderán seguir por streaming nesta mesma publicación e a través da canle de Youtube da Real Academia Galega, desenvolveranse en horario de mañá e tarde. Os topónimos, os nomes de persoa e os nomes de santos no cancioneiro centrarán os tres primeiros relatorios, a cargo de Domingo Blanco, Xosé Miranda Ruíz e Xosé Ramiro Cuba Rodríguez, respectivamente. A sesión da mañá continuará cunha achega de Antonio Reigosa Carreiras sobre a onomástica no conto galego de tradición oral e a ollada á relación entre a onomástica e a antropoloxía en Galicia de Elena Freire Paz.

A sesión da tarde arrincará cun relatorio de Carlos Baliñas Pérez sobre os usos sociais do cognomentum (alcumes, sobrenomes, nomes familiares...) na Galicia altomedieval. Tamén haberá, como é costume nestas xornadas desde o seu comezo, unha contribución dende o mundo da didáctica, desta volta impartida pola cantora, improvisadora e filóloga Alba María, que profundou co seu alumnado de secundaria na relación entre os romances e a onomástica.

A xornada pecharase cunha actuación musical de Tralo-Valo, con Carmen da Pontagra na voz e na percusión e Ariel Ninas na zanfona.

VIII Xornada de Onomástica Galega. Sesión de mañá

VIII Xornada de Onomástica Galega. Sesión de tarde

Tipos