O centro de maiores das Neves acolle unha charla Toponimízate moi especial

O centro para atención de persoas maiores das Neves foi o escenario de excepción dunha ocasión única: a primeira das charlas Toponimízate que se realiza nun centro de maiores de Galicia. Agardamos que sexa o primeiro paso dun vizoso percorrido.

A charla, realizada en colaboración co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, responde a unha demanda que se escoitou en diferentes partes do país na procura de relacionar o envellecemento activo, a utilidade e a calidade de vida dos nosos maiores coa recuperación da nosa toponimia tradicional. Non en van son estas, as persoas maiores, os que atesouran, manteñen e gardan a nosa riqueza toponímica. Son a memoria viva dos microtopónimos de cada recuncho da nosa terra e do noso mar, por iso, elas son un dos activos máis importantes da nosa cultura. Aproveitemos o seu saber e non rompamos a cadea de transmisión xeracional.

Escolleuse este centro das Neves polo especial interese que amosaron a educadora social, Rosa Mínguez Moreira — que soubo deste programa ao escoitar unha entrevista radiofónica a Vicente Feijoo— mais a súa directora, Isabel González Grandal, e a psicóloga do centro, Sandra Rodríguez Vázquez, en facer unha actividade que, desde o seu criterio profesional e persoal, podía resultar tan útil para exercitar a memoria das persoas usuarias deste centro e para elevar a súa autoestima.

Precisamente, ese é o obxectivo principal de levar estas charlas aos centros de maiores. Cómpre darlle utilidade aos coñecementos da xente maior, adquiridos na universidade da vida. Deste xeito, exercitan a súa memoria individual mais a colectiva e facémolos felices ao transmitirlles un sentimento de interese polo que para eles era tan importante, un sentimento de identidade compartida e de continuidade dunha herdanza cultural que chegou a nós a través da oralidade ao longo de tantos séculos.

O responsable de toponimia da Real Academia Galega, Vicente Feijoo, saiu deste centro feliz e emocionado tras impartir unha charla tan diferente ás outras. Distinta pola lóxica adaptación de contidos para as máis de 30 persoas a quen ía dirixida e pola agarimosa acollida, receptividade e participación de todas elas. Ao longo da súa intervención, non pararon de informalo dun cento de nomes das terras así como de moitas lendas asociadas a eles. Cómpre dicir que o que menos lles entusiasmou foi o funcionamento da aplicación Galicia Nomeada, como era de esperar, pero para usar esta ferramenta tecnolóxica xa están as súas coidadoras e o persoal que traballa no centro. Iso si, saber o que significan os nomes das súas aldeas tamén lles encantou, aínda que elas xa sabían que o nome do seu concello se debe a unha advocación mariana, a Virxe das Neves, e non ao feito de que nevase moito neste lugar.

Desde logo, a mellor gratificación que puido ter Vicente foi a ledicia que percibiu nestas persoas ao falarlles de algo tan valioso para os galegos e galegas como son os nomes da nosa terra, a súa ansia por transmitir o que saben do lugar que as viu nacer e o sorriso permamente nas súas facianas por sentirse protagonistas por un día da historia do noso país.

Galería de imaxes
Tipos