O parque Ofimático recupera o seu nome tradicional: Xuxán
O chamado Parque Ofimático é un barrio de nova construción que está situado no termo municipal do Concello da Coruña entre as freguesías de Oza e de Elviña. A súa denominación, de creación recente, comezou a aparecer no momento en que a Xunta de Galicia planificou a súa construción no ano 1990 como un polígono especializado en empresas tecnolóxicas e da información; de aí o seu nome. Malia que o proxecto quedou desbotado en 1995 e os usos mudasen, o nome de Parque Ofimático seguiu empregándose para denominar este espazo que, segundo a nova planificación urbanística, acabaría sendo un barrio máis da cidade.
Con estes antecedentes, foron varias as voces que desde hai anos reclaman un cambio de denominación para o territorio. Neste sentido, a Real Academia Galega realizou un informe onde, ademais de lembrar a obriga legal que teñen as administracións públicas de protexer, difundir e fomentar o valor do seu patrimonio (entre o que se inclúe a toponimia segundo a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia), recupera as denominacións tradicionais dun amplo territorio que inclúe as entidades de poboación de Galán, A Pereiroa, Eirís de Abaixo, As Cernadas e, especialmente Xuxán, así como varias ducias de microtopónimos.
O informe e as súas conclusións foron o cerne de varias novas publicadas recentemente en diversos medios de comunicación, das que deixamos aquí as ligazóns:
- La Voz de Galicia: Un nombre para el Ofimático: Xuxán
- La Voz de Galicia: El respaldo de Inés Rey allana el camino para rebautizar el Ofimático como Xuxán
- Praza Pública: Adeus, Ofimático. Ola, barrio de Xuxán