Máxima implicación da veciñanza de Frades na campaña Toponimízate
O concello coruñés de Frades pechou o pasado luns a proveitosa xeira de charlas estivais da campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, que se retoman no mes de setembro. O acto celebrouse no moderno Centro Sociocomunitario de Ponte Carreira, e tivo unha ampla representación da corporación municipal, encabezada polo alcalde, Roberto Rei Martínez, e o tenente alcalde, Manuel Ferreiro Marzoa. Os dous quixeron agradecer á Real Academia Galega e á Secretaría Xeral da Lingua que elixisen o seu concello como un dos 12 municipios destinatarios da campaña divulgativa deste ano e manifestaron o seu compromiso para colaborar co proxecto Galicia Nomeada na recolleita da microtoponimia do termo territorial do seu concello.
Despois da presentación do acto por parte de Roberto e Manuel, a persoa encargada de presentar o relator Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico de Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da RAG, foi a profesora de lingua e literatura galega Rocío Barreiro Marzoa, veciña deste concello, que se mostrou entusiasmada por contar coa presenza do seu compañeiro de profesión e amigo na súa terra natal e de que os seus veciños colaboren nun proxecto tan importante para a cultura galega como é Galicia Nomeada.
Vicente Feijoo comezou o seu relatorio mostrando a súa ledicia por ver a sala ateigada de xente, para falarlles a continuación da riqueza patrimonial que representa a toponimia galega e a necesidade de salvagardala entre todos de forma colaborativa polo grave risco que corre de perderse. O concello de Frades non foi obxecto do traballo de campo do pioneiro Proxecto Toponimia de Galicia (PTG), cando este estivo activo entre os anos 2000 e 2011, unha circunstancia á que cómpre engadirlle o feito de que só hai rexistrados 205 topónimos no visor de Galicia Nomeada, achegados por 9 persoas colaboradoras veciñas deste concello. Por estes motivos, explicoulles a todas as persoas presentes como darse de alta na plataforma Galicia Nomeada e como poden introducir un topónimo ou facer unha suxestión sobre outro que xa figure no visor de topónimos. Gran parte da charla estivo dedicada, xa que logo, a explicar as principais funcionalidades da aplicación, tanto na súa versión de escritorio para ordenadores como na versión para dispositivos móbiles.
Para rematar, como xa vén sendo habitual nas charlas Toponimízate, falouse da orixe e significado dos nomes das parroquias e aldeas deste concello. Se algo lles quedou claro aos veciños de Frades presentes na sala é que teñen moitos topónimos únicos en toda Galicia e de difícil interpretación, por tanto, esta opacidade etimolóxica é indicio de que seguramente sexan nomes prerromanos moi antigos: Aiazo, Ledoira, Mesos, O Sibio, A Garabanxa.... Tamén que varios dos seus topónimos que comparten terminación en -oi, como Aboi, Gafoi e Tañoi, corresponden a nomes de posesores da época medieval (ver a explicación neste artigo).
O coloquio final foi tremendamente produtivo porque as persoas presentes comunicáronnos varios posibles erros que existen nos topónimos oficiais do Nomenclátor de Galicia respecto das entidades de poboación deste concello: As Chedas en vez de Chedas; O Canal en vez de Canal; O Sibio en vez de Sibío; Raselo en vez de O Raselo; Fontelo en vez de O Fontelo...
Toponimízate vaise de vacacións ata o mes de setembro
Tras a charla de Frades, a campaña Toponimízate descansará ata o mes de setembro, momento en que regresará con folgos renovados e con outros 9 relatorios no horizonte ata final de ano. O primeiro deles será no concello coruñés de Laxe, o venres 12 de setembro, a partir das 19:00 h no Museo do Mar.