Frades, última parada da campaña Toponimízate antes do descanso estival

O vindeiro luns 28 de xullo, Frades converterase no epicentro galego da recuperación da nosa toponimia tradicional grazas a unha nova charla Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra. A cita, última antes do descanso estival, será á tardiña, a partir das 20:00 horas, no Centro Sociocomunitario de Ponte Carreira. O acto será presentado polo alcalde deste municipio, Roberto Rei Martínez, e polo tenente alcalde, Manuel Ferreiro Marzoa. A encargada de presentar ao relator, Vicente Feijoo, será a profesora de Lingua e literatura galega, Rocío Barreiro Marzoa, veciña deste concello.

O programa de divulgación e formación da Real Academia Galega e da Secretaría Xeral da Lingua visita unha vez máis ás terras de Ordes coa intención de concienciar a poboación do valor cultural da súa toponimia menor e do risco que corre de perderse, así como para procurar persoas e institucións que colaboren na súa salvagarda a través da plataforma colaborativa Galicia Nomeada.

A charla Toponimízate en Frades vén motivada pola necesidade de ampliar o traballo de recolla realizado no concello desde o lanzamento de Galicia Nomeada en 2019: desde aquela, só hai rexistrados 205 novos topónimos no seu termo municipal, achegados por 9 persoas colaboradoras. A esta circunstancia cómpre sumarlle que Frades non foi obxecto do traballo de campo do pioneiro Proxecto Toponimia de Galicia (PTG), cando este estivo activo entre os anos 2000 e 2011. Por tanto, a Real Academia Galega e a Secretaría Xeral da Lingua fan un chamamento a toda a poboación interesada no noso patrimonio cultural para que acudan á cita e coñezan o moito que poden facer eles para conservaren este tesouro de noso que é a nosa toponimia tradicional.

Con esta finalidade, Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico do Seminario de Onomástica da RAG e de Galicia Nomeada, centrará os contidos do seu relatorio en explicarlles aos asistentes o funcionamento da plataforma colaborativa na que están implicados milleiros de persoas por todo o país e todas as posibilidades que ofrece para a recolla de nomes de leiras, montes, camiños, regos e outros microtopónimos que corren o risco de perderse. Os asistentes aprenderán a introducir un novo topónimo, a información que sexa de interese sobre el (lendas, descricións...), un arquivo de son coa súa pronuncia, imaxes que o ilustren...

Para rematar, Vicente Feijoo explicará tamén a orixe e significado dos topónimos das parroquias e aldeas de Frades, entre eles o de Caboladrón, un topónimo único no Nomenclátor que semella estar formado polos substantivos do galego común cabo (lat, CAPUT) e ladrón; agora ben, este segundo elemento pode ser unha variante de Lardón, e relacionarse con outros topónimos do Nomenclátor como Vilardón, que foron explicados a partir do o antropónimo ORDONĬUS, a partir dunha forma ORDONĪĪ en xenitivo.

Toponomízate vaise de vacacións ata o mes de setembro

Tras a charla de Frades, a campaña Toponimízate descansará ata o mes de setembro, momento en que regresará con folgos renovados e con outros 9 relatorios no horizonte ata final de ano. O primeiro deles será no concello coruñés de Laxe, o venres 12 de setembro, a partir das 19:00 h no Museo do Mar.

Tipos