Baños de Molgas toponimizouse con altas temperaturas
A campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra sumou ao proxecto de salvagarda da nosa toponimia menor un novo concello, Baños de Molgas. Fíxoo este venres 27 de xuño na aula do Centro de Saúde e cunhas temperaturas que acadaban os 40 graos a carón do río Arnoia. Pero os veciños e veciñas molgueses desafiaron as altas temperaturas para acudir a unha charla que foi presentada polo seu alcalde, Manuel Ángel Fernández Movilla. As súas palabras foron de agradecemento coa Real Academia Galega e mais a Secretaría Xeral da Lingua por levaren esta interesante iniciativa á súa terra, pero tamén de compromiso co proxecto Galicia Nomeada.
Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico de Galicia Nomeada e encargado de impartir estes relatorios, centrou boa parte da charla en explicar o funcionamento desta plataforma colaborativa, a ferramenta dixital para a recolla dos microtopónimos galegos e de toda a tradición oral vencellada a eles. Fíxoo por un motivo fundamental: os nomes das terras, regos, fontes, penedos, camiños, montes... de Baños de Molgas corren un gran risco de desaparición polo forte despoboamento que está a sufrir a comarca da Limia e tamén porque aínda non están rexistrados en case a totalidade do territorio molgués. En Galicia Nomeada constan só uns 50 topónimos achegados por un escaso número de colaboradores, algúns deles alumnos deste municipio que asisten ao IES San Mamede de Maceda.
Por tanto, Vicente Feijoo alentou as persoas asistentes a unírense a Galicia Nomeada e a divulgar entre os seus veciños, familiares e amigos a existencia deste proxecto. O obxectivo é sumar cada día máis colaboradores para encher o mapa toponímico de Galicia e, en particular, o de Baños de Molgas, con esta valiosa información cultural que se está perdendo de forma acelerada. Ademais de explicar as principais características da aplicación, tamén lles falou aos asistentes dos usos prácticos que terían estes nomes unha vez rexistrados na plataforma para o seu uso por parte da administración local como pola sociedade en xeral ou a comunidade científica en particular.
Na parte final do relatorio, chegou o momento de afondar na orixe e significado dos nomes das parroquias e aldeas deste concello ourensán. Así, fíxose especial fincapé no topónimo Ambía, presente en dúas das súas parroquias, no veciño concello de Xunqueira de Ambía e tamén nun dos cursos fluvias do territorio, o río Ambiela. Os investigadores coinciden en afirmar que Ambia é derivado da voz celta amba ‘auga’, presente noutros topónimos como Ambosores, Ambas Mestas... Ademais, é moi probable de este hidrónimo prerromano, Ambia, fose o nome que recibía o río Arnoia ao seu paso por estas terras. Outra das particularidades toponímicas que foron tratadas na charla de Baños de Bolgas foi Cachagonza, un topónimo con moita sonoridade que cuxa partícula inicial, Cacha- deixou diversos derivados toponímicos na contorna e que explicamos neste artigo.
Toponimízate regresará a finais de xullo
A próxima charla Toponimízate será no vindeiro mes de xullo. O Centro Sociocomunitario de Ponte Carreira do concello coruñés de Frades acollerá un novo evento da campaña o vindeiro luns 28 de xullo, a partir das 20:00 horas.