Baños de Molgas, seguinte parada da campaña Toponimízate neste mes de xuño
Tras a visita ao concello limiao de Sandiás, a campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra continúa esta semana por terras ourensás na procura de novos colaboradores que se unan ao proxecto colaborativo de salvagarda da nosa microtoponimia, isto é, dos nomes das terras, montes, regueiros, fontes...
A Real Academia Galega e da Secretaría Xeral da Lingua convidan a todas as persoas amantes do noso patrimonio inmaterial toponímico a acudiren este venres 27 de xuño ao Centro de Saúde de Baños de Molgas a partir das 19:30 horas. Alí asistirán a unha interesante charla onde descubrirán os segredos que gardan os nomes que forman parte da súa paisaxe vital e tamén aprenderán como salvagardar o legado dos seus antepasados grazas ás novas tecnoloxías. O alcalde deste municipio, Manuel Ángel Fernández Movilla, será o encargado de presentar a actividade e mais o relator, Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico de Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da RAG.
A campaña chega a este concello da comarca de Allariz Maceda ao comprobar o estado en que se atopa o traballo de recolla da súa microtoponimia: desde a posta en marcha do proxecto Galicia Nomeada, só recibiu pouco máis de medio cento de achegas por parte de 6 colaboradores, algúns deles alumnos deste municipio que asisten ao IES San Mamede de Maceda; instituto que xa colabora co proxecto Galicia Nomeada desde hai 2 anos. A este feito, cómpre engadirlle o forte despoboamento que está a sufrir a comarca, o que pon ada máis en risco a conservación deste patrimonio cultural.
Vicente Feijoo dedicará gran parte da charla a explicar, dun xeito lúdico e práctico, as principais funcionalidades da plataforma Galicia Nomeada, tanto na súa versión de escritorio para ordenadores como a versión para dispositivos móbiles. As persoas asistentes aprenderán a incluír un novo topónimo, engadirlle a categoría, a descrición, un arquivo de son ou imaxes, enviar suxestións sobre topónimos xa engadidos etc.
Como colofón, tamén coñecerán a orixe e significado dos nomes das súas parroquias e aldeas, coas achegas etimolóxicas realizadas polo académico e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza. Falarase de, entre outros, de topónimos como Xocín, Meamán, Formigoso, Presqueira, Gaspar... Estes son nomes de aldeas únicos en todo o territorio galego que só atopamos no concello de Baños de Molgas.