A recuperación da nosa toponimia tradicional chegou a Covelo
Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra comezou este pasado venres a súa andaina de outono no concello pontevedrés de Covelo. No auditorio municipal covelense, Juan Pablo Castillo Amigo, alcalde da localidade, foi o encargado de excepción de iniciar a temporada e de presentar a Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada, quen levará a recuperación da nosa toponimia tradicional aos diferentes concellos adheridos á campaña e procurará novas e novos colaboradores para a plataforma.
O de Covelo foi un encontro interxeracional, pois á charla asistiron técnicos municipais, presidentes de comunidades de montes, presidentes de asociacións veciñais, e unha das persoas que máis ten investigado sobre o patrimonio cultural material e inmaterial deste concello, Alberte Reboreda -colaborador da plataforma Galicia Nomeada e autor de dous libros sobre a toponimia das parroquias covelenses-. Este estiveron acompañados por parte do alumnado e profesorado do CEIP Antonio Blanco Rodríguez; un grupo duns 40 cativos que se amosaron moi participativos en todo momento querendo saber o significado dos nomes das súas aldeas e todos os detalles do funcionamento da aplicación móbil de Galicia Nomeada.
Vicente Feijoo animounos a participar neste proxecto e a que convidasen aos seus familiares a darse de alta na aplicación para iniciar conxuntamente a recolla dos nomes das terras e dos montes nun concello tan necesitado desta tarefa como é o de Covelo, pois hai freguesías nas que aínda non se rexistrou ningún microtopónimo en Galicia Nomeada. Tamén lles lanzou un reto: seguir a estela doutros centros de ensino do país e converterse en escola colaboradora de Galicia Nomeada.
Próxima parada: Castrelo de Miño
Precisamente un centro de ensino será a próxima parada da campaña Toponimízate, que este mesmo mércores 5 de outubro visitará o CEIP Castrelo de Miño a partir das 11:30 horas.