Melón conciénciase na necesidade de recuperar a toponimia do seu territorio

A veciñanza do concello de Melón xa está  preparadas para recoller os nomes da súa terra. O pasado venres 26 de setembro, este municipio ourensán recibiu a campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, a iniciativa coa que a Real Academia Galega e a Xunta de Galicia percorren as catro provincias galegas para difundir a importancia de recuperar a nosa toponimia tradicional a través da aplicación Galicia Nomeada e, especialmente, procurar persoas colaboradoras para esta tarefa. 

A cita tivo lugar na Casa do Concello de Melón e nela estivo presente o propio alcalde do concello, Emilio Luís Díaz Vidal, quen ademais de presentar a Vicente Feijoo, coordinador técnico do proxecto Galicia Nomeada, subliñou a importancia de levar esta iniciativa a municipios como o que preside, onde cada vez hai menos xente que saiba os nomes tradicionais dos seus montes. 

O obxectivo principal da charla foi implicar as persoas asistentes na recolla toponímica dos nomes das súas leiras, camiños, fontes, montes, penedos...; unha tarefa que é especialmente moi urxente neste concello por varias causas: ademais de sufrir un forte despoboamento coa perda dun terzo da súa poboación nas últimas décadas, a práctica totalidade do seu territorio está sen recoller. 

Por este motivo, Vicente Feijoo Ares centrou o seu relatorio en explicar o funcionamento da plataforma colaborativa Galicia Nomeada. O público asistente, entre elas un grupo de mulleres rurais que viñan de protagonizar unha andaina polo concello, tomou boa nota das explicacións que se deron para usar este aplicación: como solicitar unha conta de colaborador/a; como introducir un topónimo; como anexar fotos, audios ou documentos; como cargar ortofotos de distintos anos ou capas de información cartográfica; como enviar suxestións sobre topónimos xa existentes no visor...  

O propio alcalde de Melón e algunhas das persoas asistentes que xa estaban dadas de alta na plataforma Galicia Nomeada, como Beatriz Tato Salgado, amosaron un grande interese e compromiso en colaborar na salvagarda dos nomes de terras e penedos deste concello, pois xa durante a charla se nomearon moitas datas pedras singulares. Ademais, o alcalde, pola súa actividade profesional como veterinario, coñece á maioría das persoas que máis nomes de lugar teñen na súa memoria.

O charla de Melón pechouse como xa é habitual coa sección dedicada a divulgar a orixe e mais o significado dos nomes das parroquias e tamén neste caso de todas as aldeas deste concello, que suman un total de 28. O propio nome do concello, Melón, foi un dos principais protagonistas desta parte da charla dado que parece o que non é, por similitude formal coa palabra do léxico común melón, froito dunha planta chamada meloeiro. Porén, nada ten que ver cunha froita, pois trátase dun antropotopónimo, isto é, un nome referido ao posesor das terras, un tal MELLONIUS, atestado nos repertorios de antroponimia latina medievais de Schulzeed e Solin-Salomies. 

A Estrada, seguinte parada da campaña Toponimízate

A campaña Toponimízate desprazarase a vindeira semana ao concello pontevedrés da Estrada. A cita será o xoves 2 de outubro na Casa das Letras - Biblioteca municipal a partir das 19:00 horas.
 

Galería de imaxes
Tipos