Toponimízate chega á Estrada para impulsar a recolla da microtoponimia dun dos concellos máis grandes de Galicia
A primeira visita a terras pontevedresas da edición 2025 da campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra será no concello da Estrada o vindeiro xoves 2 de outubro a partir das 19:00 horas, no gran centro cultural da vila, A Casa das Letras (Avda. Benito Vigo, 58). A Real Academia Galega e a Secretaría Xeral da Lingua convidan a todas as persoas e entidades comprometidas coa salvagarda e difusión do noso patrimonio inmaterial para que asistan a unha charla onde se explicará como poden participar no maior proxecto colaborativo de recolla de microtopónimos, Galicia Nomeada.
Toponimízate responde deste xeito ao grande interese amosado polo actual conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, anterior alcalde da Estrada, José López Campos; e do actual secretario xeral de Lingua, Valentín García Gómez, que desenvolveu o seu labor profesional como técnico de normalización da administración municipal estradense. A eles tamén se sumou o actual alcalde do concello, Gonzalo Louzao Dono quen, ademais, estará presente, xunto a María Coutinho Villanueva, subdirectora xeral de Planificación Lingüística da Secretaría Xeral da Lingua, na presentación do relatorio que impartirá Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico de Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da RAG.
A cita tamén é importante por outro motivo: A Estrada é un dos dez concellos galegos con máis superficie territorial e o terceiro en número de entidades de poboación. Porén, o inmenso patrimonio toponímico que atesoura o municipio estradense non se ve correspondido en Galicia Nomeada, xa que desde o lanzamento da plataforma para a recolla da nosa microtoponimia só foron 287 as achegas públicas que se recibiron para sumar un total de 807 topónimos en todo o seu territorio. Compárese con concellos cunha superficie semellante, como Guitiriz en Lugo ou A Veiga en Ourense que suman 4.904 e 5.290 topónimos, respectivamente. Por tanto, A Estrada ten practicamente todos os nomes das súas leiras, montes, regueiros, camiños, penedos... sen rexistrar e todos eles corren un gran risco de perderse.
O principal obxectivo da charla será, xa que logo, sumar o maior número posible de colaboradores que comecen a rexistrar a microtoponimia estrandense. O funcionamento da plataforma Galicia Nomeada será un dos principais temas que se abordará nesta charla co fin de facilitarlles a colaboración ás persoas que decidan sumarse ao proxecto para recoller os microtopónimos das súas aldeas e parroquias. Daquela, Vicente Feijoo ensinaralles aos asistentes as funcións básicas da aplicación: como darse de alta, como engadir novos topónimos; como anexar imaxes ou arquivos de audio na ficha dun topónimo; como facer suxestións sobre nomes mal rexistrados ou mal situados etc.
Outras das seccións que ocupara boa parte da charla Toponimízate da Estrada será a dedicada a descubrir as curiosidades sobre a súa toponimia, isto é, a orixe e significado dos nomes da súas parroquias (50) e aldeas (517). Aínda que, a diferenza doutros concellos aos que chega a campaña, non vai ser unha novidade porque xa están publicadas dúas obras fundamentais que tratan sobre a etimoloxías destes topónimos maiores: Toponimia da Estrada, de Fernando Cabeza Quiles, publicado pola Real Academia Galega; e Os nomes da Estrada, de Clara Iglesias Cortizo. Entre tanta riqueza toponímica que atesoura a Estrada, non é de estrañar que haxa alfaias únicas, como Curantes, topónimo posiblemente prerromano e de significado descoñecido; ou Tabeirós, documentado na antigüidade como Tavariolos, Taveriolos, Taveirolos e Taveiriolos e considerado un hidrónimo prerromano.
Dúas citas con Toponimízate a vindeira semana
Tras o paso pola Estrada, Toponimízate desprazarase á provincia de Lugo con dúas citas o vindeiro luns 6 de outubro: ás 12:00 a rapazada e o profesorado do CPI de Cervantes aprenderán a importancia que teñen as novas xeracións na conservación da toponimia tradicional; e xa á tardiña, ás 19:00 h, o Centro Sociocultural de Baralla acollerá o último dos relatorios Toponimízate na provincia lucense deste ano.