Chantada disponse a colleitar microtopónimos unha vez rematada a vendima 

A veciñanza de Chantada está inmersa en plena vendima como en case toda a Ribeira Sacra. Seica este ano está habendo unha gran colleita con uva de moita gradación e calidade. 

Tras a recolleita da uva, a proposta que lles fixo Vicente Feijoo Ares ás persoas asistentes á charla da campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra que tivo lugar o pasado venres 19 de setembro, no Auditorio Municipal, foi comezar coa recolleita dos nomes dos viñedos, montes, fontes, penedos, regueiros... do amplo territorio do concello chantadés. O obxectivo fundamental era implicar a veciñanza na conservación do rico patrimonio cultural inmaterial que reside na súa toponimia e conciencialos do risco que corre de perderse. A encargada de presentar o acto foi a concelleira de Turismo, Pamela Fernández Arias, que tamén estivo acompañada polo técnico de cultura, Xosé Ramón Caamaño. Pamela Fernández fixo fincapé nas utilidades que teñen os topónimos desde o punto de vista cultural e turístico, para ofrecerlles aos visitantes unha información lingüística, histórica e cultural do seu territorio moi valiosa e que non está escrita nos libros. 

Chantada é un dos concellos máis extensos do país (176 km2) e no visor de Galicia Nomeada só figuran 849 topónimos en todo o seu territorio, dos cales 319 corresponden aos nomes de aldeas ou entidades de poboación do Nomenclátor. Isto quere dicir que ten practicamente toda a súa microtoponimia (nomes de terras, montes, fontes, penedos...) sen recoller nas 36 parroquias en que está dividido este municipio. As parroquias que teñen máis rexistros de nomes de terras son as de Pedrafita e Sabadelle. 

O xeito idóneo para salvagardar estes nomes de lugar que se transmitiron de xeración en xeración durante séculos é a través das novas tecnoloxías. Aí é onde entra en xogo a aplicación colaborativa Galicia Nomeada dispoñible para ordenadores ou para dispositivos móbiles. Para isto, Vicente Feijoo, coordinador deste proxecto colaborativo e da Unidade Técnica de Toponimia da RAG que o executa, dedicou unha boa parte da sesión a explicar polo miúdo as funcionalidades desta plataforma para a recolleita da microtoponimia galega e de toda a tradición oral vencellada a ela: como solicitar unha conta de colaborador/a, como engadir un topónimo e engadirlle arquivos de audio, fotos, vídeos...;  como facer unha suxestión sobre un topónimo existente no visor que non está ben situado etc. 

Na parte final da charla tamén houbo tempo para explicar a orixe do nome do concello e das 36 parroquias que o forman, sección esta que sempre causa moito interese e curiosidade dos asistentes. Unha a unha, Vicente Feijoo foi debullando a orixe de cada unha delas e chamou a atención sobre a gran cantidade de topónimos chantadeses que proceden de nomes de posesores medievais, como  Argozón (< ARGUTIUS), Belesar (< BELESARIUS), Bermún (< VEREMUNDUS), Esmeriz (< HERMERICUS)... 

Cómpre destacar a presenza de varias profesoras de Lingua e Literatura Galega dos dous institutos de Chantada, o IES Lama das Quendas e o IES Val do Asma. Trátase de Andrea Santiso Arias, Rocío Barreiro Marzoa, Tania Vázquez García e Ana Ayán Álvarez. As dúas primeiras xa desenvolveran no curso pasado unha iniciativa de recolleita de topónimos con Galicia Nomeada co seu alumnado do IES Lama das Quendas; iniciativa que se pretende continuar neste curso académico e tamén estender ao IES Val do Asma. Por certo, os dous centros de ensino teñen uns nomes toponímicos ben fermosos; parabéns a quen tomase a decisión de poñerlles estas denominacións! 

Melón, seguinte parada da xira Toponimízate 

A xira Toponimízate continúa esta mesma semana nas terras do Ribeiro. Todos os amantes da nosa toponimia tradicional teñen unha cita na Casa do Concello de Melón o vindeiro venres 26 de setembro, a partir das 20:00 horas

 

Galería de imaxes
Tipos