Toponimízate arriba no CEIP Castrelo de Miño

O alumnado do CEIP Castrelo de Miño será o protagonista este mércores da campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra. Os nenos e nenas miñenses estrearán a programación de outono nos centros de ensino do país, que terá dúas citas máis: o venres, 19 de novembro, no CEIP Nosa Señora das Dores de Forcarei; e o luns, 21 de novembro, no IES Maximino Romero de Lema de Baio, en Zas. Os centros abriranse ao público para que asistan ás charlas todos os veciños e familiares da rapazada que desexen participar no proxecto Galicia Nomeada ou que, simplemente, estean interesados nesta materia.

A charla será impartida polo especialista en toponimia do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega e coordinador técnico de Galicia Nomeada, Vicente Feijoo, que adaptará os contidos xerais do programa á idade do alumnado. Estará acompañado na presentación desta actividade por Marisol Alonso Rodríguez, segunda tenente-alcalde do Concello de Castrelo de Miño; por Virginia Álvarez González, directora do colexio; e por Manoli Maseda Sabucedo, coordinadora dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega da provincia de Ourense.

Este tipo de obradoiros nos centros de ensino teñen como principal obxectivo dar a coñecer a toponimia entre as xeracións máis novas e implicalas na súa conservación. Deste xeito, tamén cobra especial importancia a relación interxeracional, pois os máis novos serán os que usen as novas tecnoloxías para engadir na plataforma Galicia Nomeada os nomes dos lugares e as lendas que lles contarán os seus avós e avoas. 

O obxectivo último é introducir a aplicación Galicia Nomeada dentro das tarefas escolares do centro, para o que tamén pediremos a colaboración do profesorado. Iniciativas como “"Do Alto da Serra a Zafarina: Meis en microtopónimos",do CPI O Mosteirón, ou Pazos Nomeado, do CPI Curros Enríquez de Pazos de Borbén son casos de éxito do uso das novas tecnoloxías e de Galicia Nomeada dentro dos plans curriculares dos centros educativos. 

Ademais, o alumnado do CEIP Castrelo de Miño poderá coñecer o significado dos nomes que forman parte da súa paisaxe diaria. Moitos deles, como O Pazo, A Ponte, O Fondo da Vila, A Ermida ou A Costa, resultaranlles transparentes, mais seguro que se sorprenderán ao saber que algúns xa están rexistrados desde hai máis de 800 anos, como Señorín, ou que O Toledo pode ser incluso anterior e estar relacionado coa localidade homónima de Castela - A Mancha.

Nova charla Toponimízate esta mesma semana

A campaña Toponimízate ten outra cita esta mesma semana: Vicente Feijoo visitará o concello de Rodeiro e impartirá unha charla no Centro Cultural Manuel Lamazares (Rúa A, 28) a partir das 20:00 h
 

 
Tipos