Éxito de participación en Val do Dubra na charla de despedida da campaña Toponimízate 2025
A proveitosa edición do ano 2025 da campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra baixou o pano este pasado xoves logo de percorrer o país de Norte a Sur e de Leste a Oeste para levar a mensaxe do valor patrimonial da nosa toponimia a doce concellos das catro provincias galegas. Ducias de persoas sumáronse á iniciativa coa que a Real Academia Galega e da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia están informando a poboación de como poden contribuír a salvagardar o noso patrimonio inmaterial toponímico grazas coa aplicación colaborativa Galicia Nomeada.
O último municipio galego en recibir neste ano a campaña foi Val do Dubra. O pasado xoves 6 de novembro ducias de dubreses déronse cita no seu Auditorio Municipal para asistir á charla impartida por Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico de Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da RAG. Na presentación deste evento interviron o propio alcalde, Diego Luís Díaz Méndez, que agradeceu á RAG e á Xunta de Galicia que elixisen o seu concello para esta campaña Toponimízate 2025 e manifestou o seu interese en seguir completando, agora a través da plataforma Galicia Nomeada, a recolleita de microtopónimos iniciada anos atrás polo desaparecido Proxecto Toponimia de Galicia (PTG); o concelleiro de Deportes, Iván Barcia Fernández, que foi o encargado de facer un breve percorrido pola traxectoria profesional do relator; María López Sández, académica de número de membro da Comisión Executiva da RAG, quen destacou o valor cultural e afectivo que teñen os topónimos, así como a necesidade de salvagardalos entre todos os galegos e galegas; e a técnica do Servizo de Normalización Lingüística, Andrea Muíño Quintáns, quen realizou as xestións oportunas para que a campaña chegase a este concello e para a súa organización.
Ademais dos diferentes representantes da corporación municipal, no auditorio tamén estiveron presentes varios membros da Asociación Vento Libre da parroquia de San Román e da Asociación Larada da parroquia de Portomouro, dispostos a tomaren boa nota do funcionamento da aplicación Galicia Nomeada para completar a recolla toponímica das súas parroquias. Na época do PTG (2000-2011) un equipo de 3 rapazas dubresas recolleran arredor de 4.000 microtopónimos en todo o territorio deste municipio: Hortensia Vázquez Fraga, María José Fraga Barreiro e Lucía Baleato Noya. Unha delas, Hortensia, estivo presente na charla para continuar de forma altruísta co traballo iniciado 20 anos atrás.
Xa que logo, Vicente Feijoo, centrou boa parte do relatorio nas cuestións máis prácticas relacionadas co funcionamento e utilidades da plataforma colaborativa Galicia Nomeada co obxectivo de que as persoas presentes no auditorio poidan completar e corrixir a microtoponimia existente no visor das súas respectivas aldeas e parroquias. Deste xeito, explicouse polo miúdo como engadir un novo topónimo, como engadir audios, fotos e documentos nos xa recollidos ou como enviar suxestións para corrixir os que poidan estar mal escritos ou mal situados.
Na parte final do acto, como é habitual nesta campaña, falouse da orixe e significado dos nomes de parroquias e aldeas deste concello. Como non podía ser doutra maneira, tratáronse os dous nomes que tivo o concello deste a súa constitución en 1836, Buxán e Val do Dubra. Ademais, entre os topónimos curiosos podemos destacar o dunha aldea da parroquia de Buxán chamada A Coruña, que debe o seu nome por ser en orixe unha propiedade requisada a finais do século XVI pola Real Audiencia da Coruña. Como ben explica Gonzalo Navaza no seu artigo sobre a orixe literaria do topónimo da cidade herculina, o uso do topónimo A Coruña para referirse á institución do poder real que tiña asento nesta cidade “ten paralelo no emprego dun topónimo Valladolid na toponimia galega para referirse a propiedades que foron obxecto de longas disputas en que interveu a Real Chancelería da cidade castelá”. Outro nome singular, que forma parte dos chamados topónimos propiciatorios, foi o da parroquia de Bembibre, do que falamos nun novo artigo na sección Detrás do nome.
Toponimízate continuará en 2026
A iniciativa Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra sumará no vindeiro ano 12 novos concellos aos 108 xa visitados desde a posta en marcha da campaña en 2017. Con ela preténdese divulgar en concellos, colexios, asociacións culturais e centros de maiores o valor cultural da toponimia galega e a necesidade de colaborar na súa recolleita a través da plataforma Galicia Nomeada.