A veciñanza de Ribadavia achégase á importancia da toponimia

A campaña Toponimízate. Coñece os nomes da túa terra chegou o pasado venres 8 de novembro ao concello ourensán de Ribadavia, onde un grupo de 50 persoas coñeceu, da man de Vicente Feijoo, a importancia da salvagarda da toponimia como parte central do noso patrimonio inmaterial.

O alcalde de Ribadavia, César Fernández, foi o encargado da presentación dunha xornada moi participativa na que a veciñanza ribadaviense non só quixo coñecer a orixe e significado dos nomes do seu concello senón que tamén achegaron particularidades e mesmo lendas relacionadas co concello que publicaremos nesta páxina.

A vindeira parada da campaña toponimízate será no IES Francisco Asorey de Cambados o martes 12 de novembro ás 10:45 horas.

Sobre Toponimízate

A campaña Toponimizate. Coñece os nomes da túa terra ten por obxectivo divulgar o valor da toponimia tradicional galega e dar a coñecer a nova aplicación colaborativa que permitirá proximamente participar na preservación e difusión da microtoponimia a través da súa xeolocalización. Ademais, explícanse con exemplos prácticos as utilidades desta información xeolocalizada e normativizada para as distintas actuacións sobre o territorio dos técnicos municipais (PXOM, Catastro...), para a promoción turística de elementos de interese cultural de cada concello ou mesmo para o ensino, polo carácter transversal e multidisciplinar dos contidos toponímicos.

 

 

Galería de imaxes
Tipos