A campaña Toponimízate 2026 relánzase no concello de Quiroga despois do descanso estival
Logo dun descaso nos meses de xullo e agosto, a campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra continúa co seu percorrido polo país adiante na procura de colaboradores para salvagardar os nomes da nosa terra. O vindeiro venres 28 de agosto, a charla de toponimia será no concello lugués de Quiroga, no paraíso natural das montañas do Courel. Esta é unha das sete charlas que restan da campaña 2026 e que se impartirán ata o mes de novembro. A cita será a partir das 19:00 horas na Casa da Cultura e a ela están convocadas todas as persoas interesadas na toponimia local e que queiran sumarse a este gran proxecto colectivo de conservación dos nomes do territorio a través da plataforma Galicia Nomeada.
A iniciativa da Real Academia Galega e da Secretaría Xeral da Lingua acode a este concello lugués tras ver o interese mostrado polo seu alcalde, José Luís Rivera Castro, e mais o concelleiro de Cultura e Dinamización Lingüística, Xosé Manuel Fernández Montes, para levar esta actividade ao seu concello. Eles serán os encargados de presentar o evento e tamén ao relator Vicente Feijoo Ares, coordinador do proxecto Galicia Nomeada e da Unidade Técnica de Toponimia da RAG.
A visita do programa Toponímízate a este concello era moi necesaria: Quiroga é o quinto municipio galego en superficie con máis de 300 km2. Se temos en conta a densidade media de topónimos no territorio galego, uns 50 por cada quilómetro cadrado, deben existir arredor de 15.000 nomes de leiras, camiños, fontes, penedos, regos... talvez algo menos ao se tratar dunha zona de serra, pois a densidade de nomes diminúe considerablemente en contraste con zonas que están dedicadas a cultivo, onde a densidade aumenta. Neste momento só hai recollidos no territorio do concello quirogués uns 400 topónimos que se poden consultar no visor da plataforma colaborativa Galicia Nomeada, polo que a urxencia de recoller os nomes das terras e dos monte antes de que se perdan é maior. Daquela, o principal obxectivo desta charla Toponimízate será conseguir que a veciñanza de Quiroga se implique na recollida dos microtopónimos das súas aldeas a través da aplicación Galicia Nomeada.
Vicente Feijoo centrará boa parte da charla en explicar minuciosamente o funcionamento da aplicación Galicia Nomeada e as súas principais características: como solicitar unha conta de usuario; como introducir un topónimo; como anexar imaxes, arquivos de son ou documentos; como enviar suxestións sobre topónimos xa existentes no visor... A intención é que as persoas asistentes teñan unha visión xeral de todo o que lles permite facer a aplicación e que tamén poidan saír da charla preparados para utilizala desde o primeiro momento.
Ademais desta parte práctica e como novidade das charlas deste ano, os asistentes coñecerán as principais mudanzas que implicou a publicación do Nomenclátor de Galicia no concello de Quiroga e os argumentos que apoian estes cambios, como a inclusión do artigo na localidade chamada A Venda Nova ou a súa supresión noutra chamada Albaredos, entre outros.
Na parte final da charla explicarase a orixe e significado dos nomes das parroquias e aldeas deste concello, comezando polo nome de todo o territorio municipal, Quiroga.
Seis citas máis con Toponimízate ata final de ano
Ademais de Quiroga, a campaña Toponimízate visitará outros seis concellos de aquí a final de ano. Serán Paradela (venres 4 de setembro a partir das 19:30 no Centro Sociocultural Manuel Oreste); O Pereiro de Aguiar (venres 11 de setembro a partir das 19:30 no Centro de Maiores dos Gozos); O Bolo (venres 25 de setembro a partir das 19:00 na sala Coworking da Antiga Casa Cuartel do Bolo); As Neves (venres 2 de outubro a partir das 20:00 no Mercado das Neves); Boimorto (venres 9 de outubro a partir das 11:00 na Casa da Cultura nunha cita que unirá o alumnado do CPI Armando Cotarelo Valledor e as persoas usuarias do Centro de Maiores do concello); e pechará a campaña 2026 o concello lugués de Baleira (CEIP Concepción López Rey. venres 30 de outubro a partir das 12:00 h).