Atrapa un topónimo, a iniciativa coa que o IES de Ames pretende contribuír á recuperación da toponimia tradicional

"Atrapa un topónimo": con este lema, o alumnado de 3º de ESO A e B, das materias de Lingua Galega e Literatura e Xeografía e Historia, do IES de Ames saiu á procura de nomes de lugar co fin de recuperalos, difundilos e facer que a súa memoria perdure. Esta iniciativa xurdiu no marco das actividades toponímicas programadas durante as I Xornadas de Toponimia no Ensino do concello de Ames, que tiveron lugar os días 18, 19 e 30 de setembro de 2019.

O traballo proposto polos profesores do Equipo de Dinamización da Lingua do centro pretendía que cada alumno "capturase" un nome de lugar que fose singular na súa contorna, que tivese un valor sentimental ou estivese ligado á súa familia. O resultado non puido ser mellor: ducias de topónimos foron atrapados de diversos puntos de toda Galicia, debido ás particularidades deste centro de Ames con alumnos e alumnas con familias procedendes de moi diversos concellos. O Campo Grande, O Monte do Castro, Salgueiral, O Cunchido... forman parte dunha exposición virtual que podes consultar nesta ligazón.

Nela, cada un dos topónimos inclúe unha completa ficha cos seguintes campos:

  • A pronuncia do microtopónimo en formato audio
  • A localización no mapa
  • O significado do microtopónimo
  • A clasificación segundo o significado
  • A clasificación segundo a época de orixe do microtopónimo
  • Unha descrición das características naturais
  • Unha descrición das características antrópicas
  • As actividades asociadas ao lugar
  • Mostras de tradición oral se as houber
  • Presenza do microtopónimo en Galicia
  • Fotografías do lugar
  • Fontes secundarias empregadas

Este traballo deulles aos alumnos e alumnas unha visión global da paisaxe e unha comprensión dos cambios e continuidades ao longo do tempo a través dos nomes dos lugares. Agora só lles queda ilos introducindo pouco a pouco na plataforma Galicia Nomeada para a súa divulgación e consulta no gran banco de datos da toponimia galega. Os nosos parabéns pola iniciativa dos profes e polo traballo dun alumnado que trouxo ao centro amesán un anaquiño da terra de orixe dos seus pais e avós.

Tamén che pode interesar...

Este venres 23 de agosto tivo lugar en Cervás a presentación dun extraordinario traballo de recollida e rexistro da talasonimia, isto é…

O IES de Meaño, un dos centros máis activos na plataforma Galicia Nomeada, presentou un interesante proxecto de posta…