Toponimia de Agolada

Toponimia da Agolada
Ano
2016
Edición
Real Academia Galega e Asociación Galega de Onomástica
Autoría
Luz Méndez

Con este volume, da autoría da especialista Luz Méndez, a Real Academia Galega inaugurou a colección coa que a institución vai elaborar e realizar co máximo coidado: Terra Nomeada. Non merece menos a tarefa de descubrir e explicar o nome dos lugares que, por teren un nome, o que sexa, teñen dereito ao seu nome, ao verdadeiro. Sabido é que aínda hoxe, no mapa dos rótulos e indicacións de aldeas, parroquias, ríos, regueiros, montes etc., hai nomes deturpados, verdadeiros pseudónimos no sentido etimolóxico (‘falsos nomes’). Traballos rigorosos como o presente erradican esas deturpacións e satisfán as esixencias de cantos se interesan polo étimo dos topónimos (algúns moi problemáticos), polas circunstancias xeográficas ou históricas nas que emerxen, pola súa relación coa toponimia doutras terras galegas ou foráneas etc. Son temas que aborda no seu limiar o profesor Antón Santamarina, tan versado nos saberes onomásticos.