Fonte é unha das palabras do galego común máis rendibles na nosa toponimia. O Nomenclátor de Galicia recolle máis de cincocentos lugares que a inclúen a ela ou algunha das súas variantes, como Fon-, e son milleiros os microtopónimos que se poden visualizar en Galicia Nomeada. Sen ir máis lonxe, podemos atopar en Begonte, o último concello que visitou a campaña Toponimízate, os lugares de Fonfría, procedente do latín FONTE FRIGIDA; Fonte Almesendre, talvez dun *FONTE ERMISINDI; Fontela, diminutivo a partir de FONTELLA; e un sonoro Fonte Filloa, topónimo único no Nomenclátor e, sobre todo, curioso.
O segundo dos elementos do sintagma deste singular topónimo parece remitirnos ao substantivo do galego común filloa, tamén chamada freixó noutras partes de Galicia. Porén, semella moi difícil que a torta delgada, típica do Entroido, realizada cun amoado de ovos, leite, caldo ou auga e mais fariña, puidese modificar unha fonte e fixarse na toponimia para designar algún lugar.
Ante esta incógnita e tamén pola carencia de atestacións documentais do topónimo, Paulo Martínez Lema lanzou dúas hipóteses para tentar explicar este nome na súa obra sobre a Toponimia de Rábade e Begonte. A primeira supón un uso metafórico da palabra filloa, talvez, pola existencia na fonte dunha “tona (de algas, por exemplo) que se formase na superficie da auga, sobre todo se esa auga se encontraba empozada”. A segunda, máis verosímil segundo o propio autor, relaciona a forma filloa con outros topónimos como Fiollás ou Fiolledo, derivados da voz fiollo, variante de fiúncho (do lat. FENUCULO). Trataríase, segundo Martínez Lema, dunha alteración fonética “sen dúbida condicionada pola existencia e vitalidade do substantivo homónimo filloa (< lat. FOLIOLA)”.
Son innúmeras as ocasións en que nesta páxina aludimos á importancia que ten a toponimia para descubrir a historia do territorio que…
A gran base de datos da toponimia tradicional galega, Galicia Nomeada, suma…