Se hai un dous lugares que máis veces aparece nas relacións de topónimos curiosos ese é o de Cariño. Adoito feitas con pouco rigor científico, interpretan para esta vila coruñesa o significado literal da voz “cariño” actual ou acreditan nas lendas que a tradición oral foi espallando. Mais é así?
O topónimo Cariño aparece documentado, xa desde o século X, baixo as formas Carinio, Carinno ou Villa de Carino e podería agochar a base prelatina *kar “pedra”, como outros lugares como Caranza (Ferrol) ou Carantoña, segundo explica Juan José Moralejo no artigo “Topónimos célticos en Galicia”. O nome, pois, estaría ligado co carácter rochoso da súa xeografía.
Con todo, as lendas que queren ver no Cariño toponímico o sentimento de afección, amizade ou tenrura que se sente por algo ou por alguén poden ter ata parte de razón, talvez máis por sorte que por reflexión. Fernando Cabeza Quiles na obra Toponimia de Galicia (2008:150) non desbota a posibilidade que este Cariño, e o da veciña vila de Ferrol, poidan ter como orixe o nome persoal de orixe latina CARINIUS, a través dun (VILLA) CARINIUS. Este CARINIUS sería un derivado de CARUS, “querido”.
Malia que non sexa o habitual, as etimoloxías populares poden ás veces achegarse á realidade.
Nós non temos dúbida, en calquera punto de Galicia vívese moi ben... pero hai algúns lugares onde se vive mellor porque xa nolo din os…
A próxima versión do Nomenclátor de Galicia estará composta por case 43.000 topónimos oficial sumando os nomes de concellos,…