Comparten Cortegada e Cortizada a mesma orixe?

Cortegada e Cortizada son dous lugares de Vila de Cruces que semellan manter máis relación semántica que de proximidade xeográfica. Cortizada é un topónimo único en toda Galicia que denomina unha aldea da parroquia de Sabrexo. Non pasa o mesmo con Cortegada, nome dunha aldea da freguesía de Loño que podemos encontrar identificando outras aldeas e parroquias por Galicia adiante:  tres parroquias de Sarreaus, Silleda e Cortegada e outras seis aldeas galegas, ademais dunha illa situada na ría de Arousa fronte a costa de Carril. Será deste topónimo costeiro do que temos a documentación máis antiga: Plinio ponlle o nome de “insula Corticata” e xa, desde o século X, aparecerá coa forma actual do topónimo, Cortegada

A pesar de que o étimo semella claro, o latín CORTICATA, o seu significado orixinario foi obxecto de controversia entre os etimoloxistas, que ata propuxeron tres hipóteses. En primeiro lugar, interpretouse como o participio do verbo CORTICARE, parente de COHORTE (< CUM HORTA). Este CORTICADA aplicaríase a terreos que estarían pechados ou rodeados de muros ou valados. Unha segunda proposta debémoslla a Cabeza Quiles, quen, tras desbotar a hipótese anterior, supón un adxectivo latino CORTICATUM, ‘cuberto ou provisto de palla’, o que relacionaría Cortegada cunha posible locución *(CASA) CORTICADA, en referencia a unha casa ou edificación tellada cunha cuberta de cortiza. Por último, no libro Toponimia de Ames, Xosé Ramón López Boullón expón a terceira teoría para chegarmos ao significado orixinario de Cortegada: a existencia en latín medieval dun verbo CORTICARE ‘descascar, quitar a cortiza a unha árbore’, derivado de CORTES, CORTICIS ‘cortiza, casca dalgunhas árbores, principalmente da sobreira’, polo que podería facer referencia a un lugar onde se realizase esta operación nas súas árbores.

Outro derivado de CORTES, CORTITIAM (cun sufixo -ATAM), é a forma latina CORTICIATAM, da que proviría o topónimo Cortizada. Porén, tampouco temos claro cal foi a motivación que orixinaría de Cortizada. Os dicionarios antigos recollen esta palabra co significado de ‘conxunto grande de colmeas’ tamén chamadas ‘cortizas’ polo material de que estaban feitas. Pola súa banda, Gonzalo Navaza considera Cortizada un fitotopónimo derivado de cortizo, palabra que nalgunhas partes dos país tamén se emprega para denominar a sobreira, árbore da que se extrae este material. Daquela, Cortizada sería un lugar onde abundaban estas árbores. Porén, o propio académico afirma que é difícil discernir cando este topónimo e os demais derivados de cortizo/a fan referencia á colmea ou á árbore.

 
Tamén che pode interesar...

Detrás de cada un dos máis de 40.000 topónimos que forman parte do noso Nomenclátor, existe unha motivación e unha razón de ser…

É ben difícil escoitar a palabra Camariñas sen deixarse levar e recitar os versos que compoñen unha das cantigas máis afamadas…