A debatida orixe do topónimo Faramontaos

O concello lucense de Pantón foi o encargado de abrir a edición 2022 do programa Toponimízate. Tal é a riqueza toponímica deste concello que nel podemos atopar exemplos de case todos os diferentes nomes de lugar en que se adoitan clasificar desde o punto de vista semántico: ecotopónimos como Casanova ou A Granxa; zootopónimos como A Oseira ou Pombeiro; hidrotopónimos, como A Regueira ou Augas Santas; litotopónimos como As Laxes ou Penaveada; fitotopónimos como Moreda, Abelaira, Salgueiros, Souto ou Campo das Parras; orotopónimos como O Outeiro, O Cotillón ou A Costa; haxiotopónimos como San Romao, San Fiz ou Santipedre; antrotopónimos como Reiriz, Budián, Goián, Amandi, Guítara, Segade ou Pantón; e mesmo xentilicios como Galegos ou Toldaos. Mais, de entre todos eles, queremos chamar a atención sobre un, Faramontaos

Faramontaos é o nome dun lugar da parroquia de Eiré que tamén se rexistra nos concellos ourensáns da Merca, Porqueira, Xinzo de Limia e dúas aldeas en San Cristovo de Cea, nas freguesías de Viña e Pereda. No noso territorio existe tamén a variante con solución occidental na terminación, Faramontáns, en Caldas de Reis. Non é un topónimo exclusivo de Galicia, pois ten correlato en dúas localidades zamoranas, Faramontanos de la Sierra e Faramontanos de Tábara; e noutra salmantina, Cabeza de Framontanos. Josep Piel lígao tamén cos topónimos portugueses Fermentãos, en Braganza; Fermentões, en Guimarães; e Fermentelos, en Águeda. Todos estes lugares ocupan un área que abrangue o sur de Galicia, o norte de Portugal e o oeste de Castela e León.  

Antón Palacio, na súa tese sobre a toponimia deste concello, defende que este topónimo está orixinado por un prefixo, (IN)FRA, usado co valor de ‘trans’ e o substantivo MONTANUS, derivado de MONTE(M), topónimo que así se axeita á situación da aldea. Do FRAMONTANUS orixinal chegaríase ao Faramontaos actual a través dunha vogal anaptítica. Faramontaos sería, pois, os habitantes que veñen de tras dos montes

Outros autores, como José Carlos Sánchez Pardo, van na liña do apuntado polo académico Antón Palacio, aínda que propoñen como étimo unha forma FORAMONTANUS, isto é, os habitantes de ‘fóra dos montes’. Localiza a súa procedencia na rexión portuguesa de Tras-Os-Montes, “aunque podría pensarse más genéricamente en un significado relacionado con gente venida de fuera de las montañas”.  

Porén, Gonzalo Navaza considera este un topónimo controvertido, mais pensa que garda relación coa tese que propuxeron autores como Piel, Corominas ou Leite de Vasconcelos. Segundo estes autores, todos estes topónimos derivan dun termo xurídico medieval, FORUM MONTANUM, cuxa explicación aparece recollida nun texto publicado a finais do século XVIII da autoría de Joaquim de Santa Rosa de Viterbo, titulado Elucidário das palavras, termos e frases que em Portugal antigamente se usaram: “Deu-se este nome aos enfiteutas, colonos ou caseiros que pagavarn ao direito senhorio como parte da pensao o foro de montaria ou foro do monte” ou tamén, como apunta Navaza, xente que tería unha licenza para cazar en zonas acoutadas

 

 
Tamén che pode interesar...

Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…

Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…