A toponimia foi protagonista esta fin de semana en Pantón 

A Real Academia Galega levou a salvagarda da nosa toponimia tradicional e a súa importancia como patrimonio inmaterial da nosa comunidade ao concello lucense de Pantón e ás súas Xornadas Rota do Románico, que este ano chegaron a súa XXXIII edición. E fíxoo da man de Vicente Feijoo, o coordinador técnico do Seminario de Onomástica da RAG, que inaugurou na Ribeira Sacra a Campaña Toponimízate 2022. 

A cita tivo lugar no salón de actos da Casa da Cultura de Pantón e a ela acudiu máis de medio cento de veciñas e de veciños, non só deste concello senón tamén dos limítrofes, nunha das conferencias máis calorosas das organizadas ata a data, pois noutros anos esta campaña realizábase no outono. 

A presentación deste relatorio correu a cargo de Flora Enríquez, coordinadora dunhas históricas Xornadas que, desde hai máis de tres décadas, son unha cita imprescindible para divulgar o inmenso patrimonio deste municipio e da súa contorna. Este ano, como non podía ser doutra maneira, a toponimia pantonesa formou parte deste patrimonio

Neste aspecto estivo centrada a primeira parte da charla: o valor que teñen os nosos nomes de lugar como patrimonio cultural e a importancia de que os salvagardemos e divulguemos; nomeadamente, os microtopónimos: nomes de leiras, fontes, penedos, regueiros, muíños... Para iso, Vicente Feijoo presentou a plataforma colaborativa Galicia Nomeada e informou da cantidade de microtopónimos que xa se recolleran anos atrás a través do Proxecto Toponimia de Galicia en varias das 26 parroquias que conforman este municipio. Ademais, cómpre destacar que, desde datas recentes, xa contamos con varios colaborades deste concello en Galicia Nomeada que xa están facendo novas achegas, entre os que se atopa Javier Goyanes, técnico de Cultura deste concello. 

Vicente Feijoo foi presentado por un pantonés de excepción, Antón Palacio, académico correspondente do Seminario de Onomástica da RAG e profesor da Universidade de Vigo. Máis alá de salientar os méritos académicos e profesionais do relator, Antón Palacio falou da relación persoal que o une a Vicente despois de moitos anos traballando xuntos como membros do Seminario de Onomástica da RAG e da Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia. Nesta presentación non faltaron tampouco as anécdotas persoais; así, Antón contoulles aos asistentes o ben que lle saben as castañas asadas do Riós que Vicente lles trae todos os anos para degustar cun bo viño durante a celebración dunha das sesións de traballo do grupo de expertos en toponimia da RAG. 

Antón Palacio é un dos grandes coñecedores da toponimia deste concello porque fixo a súa tese doutoral sobre ela hai máis de 40 anos. Debeu ser das primeiras, senón a primeira tese, que se fixeron sobre este materia no noso país centradas no territorio dun único concello. Da etimoloxía e significado dos nomes das parroquias e aldeas deste concello estudadas no seu día por Palacio tamén falou Feijoo ao final da súa intervención, enriquecidas polas achegas realizadas actualmente polo tamén académico e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza.  A pesar da intensa calor deste serán, foron moitas as persoas que preguntaron e se interesaron polos nomes dos lugares en que residen, o que fixo que o evento se prolongase ata despois das 22:00 horas. 

Sada, vindeira charla Toponimízate 

A vindeira charla toponimízate será no Centro para a atención de persoas maiores de Mondego, en Sada. Está cita é de especial interese porque é Sada un dos concellos nos que máis urxe recoller a súa microtoponimia, dado o desenvolvemento urbano que sufriu durante as últimas décadas e porque tampouco se levaron a cabo nel os traballos do Proxecto Toponimia de Galicia. As asistentes, as persoas usuarias deste centro de maiores, han ter nesta tarefa un papel principal. 

Galería de imaxes
Tipos