Dez aldeas galegas onde atopar o Alén

O alén, definido no galego común como “o mundo de despois da morte”, sempre foi un dos grandes misterios da humanidade. A práctica totalidade das civilizacións humanas que existiron e existen tivérono como parte central da súa cosmovisión e deixaron mostras das súas crenzas nunha existencia dunha vida despois da morte, nun alén.

Porén, as 10 entidades de poboación que rexistra o Nomenclátor de Galicia nos concellos de Beariz, O Irixo, Maside, Montederramo, Ourense, Paderne de Allariz, Padrenda (nas freguesías de Crespos e Monte Redondo), en Piñor (nas parroquias de Coiras e Torcela), en Covelo, Lalín e Rodeiro, e os múltiples topónimos e microtopónimos recollidos en Galicia Nomeada, teñen outro significado máis do aquén. Polo xeral, na toponimia Alén designa lugares que están situados máis alá de algún accidente xeográfico ou dun atranco, como pode ser un río ou rego, un monte ou outro sitio que funciona como referente primario.

Queda máis claro esta contraposición dun lugar fronte a outro en Alén do Río, lugar da parroquia de Buciños do concello lucense de Carballedo que, efectivamente, está localizado máis alá do rego de Buciños e do lugar homónimo, onde se sitúa a igrexa parroquial. Un significado semellante a Alen do Río teñen os 16 lugares que no Nomenclátor de Galicia figuran como Alemparte, isto é, na outra parte ou banda dun río. Á mesma motivación responden os topónimos Aquelabanda e Desabanda (parroquia de Sarandós, Abegondo), Calabanda (Calo, Vimianzo); Acalabanda (Brandomil, Zas) ou Esabanda (Santa Cruz de Moeche, Moeche), por citar algúns exemplos.

Outros topónimos procedentes do latín AD ILLINC son Alende, nos concellos da Pobra do Brollón (nas parroquas de Cereixa e Eixón), Castro Calelas, A Peroxa, A Teixeira, Campo Lameiro, Forcarei e Moraña; e tamén Lende (Monforte de Lemos).

 

Tamén che pode interesar...

Detrás de cada un dos máis de 40.000 topónimos que forman parte do noso Nomenclátor, existe unha motivación e unha razón de ser…

É ben difícil escoitar a palabra Camariñas sen deixarse levar e recitar os versos que compoñen unha das cantigas máis afamadas…