O Boletín do Museo Provincial de Lugo recolle no seu número X a lenda máis estendida sobre a orixe do topónimo da Fonsagrada:
Antes a Virgen de Fonsagrada taba na Pobra de Burón. Alí taba o juzgado e o ayuntamiento, taba todo; era unha gran puebla. E despois o cura vía aí un bon sitio, aí pa riba, para donde ta A Fonsagrada, e había unha fonte milagrosa alí, que hoi non beben nin as vacas nela, e corre, pero parece que é ruín a auga. E [o cura] levaba a Virgen para alí.
E veña, iban por ela para Puebla de Burón pero a Virgen volvía a marchar de noite pró Carballal, prá Fonsagrada. E dixeron:
—Bueno, hai que lle facer unha ... . Entonces, a Virgen non quere parar aiquí. E dixo o cura: —Hai que lle facer unha capilla arriba onda a fonte. Que é onde ta.
E levárona para alí e por eso ven hoi o nombre de Fonte Sagrada
A Fonsagrada é, pois, un topónimo cunha orixe transparente: o seu étimo latino é FONTE SACRATA. A redución da primeira parte do topónimo en fon- é moi común en toda a xeografía galega (Fonfría, Fonmiñá…). Con todo, este apócope non foi xeral, pois existen varios lugares Fonte Sagrada rexistrados en Galicia (Arzúa, Melide, Trabada, Ribadeo, Pontenova…)
Pola súa banda, a forma sagrada da segunda parte pode facer referencia a algún tipo de manancial ou fonte cuxas augas fosen obxecto dalgún rito ou atributo milagreiro, moi posiblemente pagán que posteriormente fose cristianizado, como moitos dos ritos que por esta terra aínda se conservan. Dáse o caso, ademais, que a fonte a que lle atribúen a orixe, localizada tras a igrexa de Santa Mariña, ten no amencer do día 21 de xuño unha iluminación singular, o que pode levar a pensar a existencia do rito arredor da fonte desde tempos remotos.
Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…
Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…