A homografía é un fenómeno lingüístico polo cal dúas palabras que proceden de étimos distintos conflúen na grafía, isto é, escríbense igual. Esta coincidencia gráfica non é moi común, pero pode levar a interpretar mal o significado dun texto e, no caso que nos ocupa, a orixe e significado dalgúns topónimos. Grolos, Matei e Perros, tres lugares do concello lucense de Guntín, son boa proba disto que tamén adoita chamarse “falsos amigos” da nosa toponimia.
Segundo o Dicionario da Real Academia Galega, a palabra grolo do léxico fai referencia ás pequenas porcións que se beben dunha vez e tamén a aquelas bolas que se forman nun líquido cando se lle bota unha materia sólida que non se disolve ben. Porén, ningún destes significados estivo na orixe do lugar de Grolos e da parroquia homónima guntinesa. Escrito como Sancte Crucis de Grollos na súa atestación máis antiga de 1284, foron tres as hipóteses que tentaron deitar luz sobre este topónimo. Nicandro Ares consideraba que podería proceder do nome persoal Grullus, equivalente a Gryllus. Pola súa banda, Elixio Rivas viu nel un alcume persoal a través do significado ‘ovo derramado ou podre’. Finalmente, Edelmiro Bascuas consideraba que procedía do tema hidronímico *Graw-los. Con todo, Carlos Vázquez na obra Toponimia de Guntín de Pallares menciona que nas proximidades desta poboación non existe ningún curso fluvial.
Antrotopónimo tamén pode ser Matei, lugar da parroquia de Ferreira de Pallares que nada ten que ver coa primeira persoa do singular do pretérito de indicativo do verbo matar. Nicandro Ares pensaba que podía derivar do xenitivo do apóstolo Matthaeus, Mateu no galego común, aínda que tamén ve posible a súa procedencia do xentilicio Matteius.
Se Grolos e Matei son dous topónimos pouco frecuentes en Galicia, non o é así Perros, pois ademais do lugar de San Román da Retorta existen outras sete aldeas así denominadas. A coincidencia deste topónimo coa palabra castelá homógrafa, perro, termo que na época medieval se lles deba con forma despectiva aos mouros e xudeus, provocou que desde instancias eclesiásticas se mudase o nome á parroquia de Perros de Brión pola súa malsonancia. Desde o século XVI pasou a denominarse “Los Ángeles”, hoxe Os Ánxeles. Antón Palacio investigou estes topónimos, Perros, Parra, Perrá, Perrelos, Perrol, Perrón... e considera que “quizais fagan referencia a marcos de pedra usados para indica-los límites de xurisdicións e, como Padrón, poden estar relacionados con PETRA, pedra”. Piel en cambio supón un primitivo alcume *Perrus, de onde deriva o topónimo Vilaperre. Con todo, Nicandro Ares documentouno como Pirros no século XI, o que o levou a relacionalo cun nome persoal grecolatino Pyrrhus ‘rubio coma o lume’, frecuente en escravos e libertos.
Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…
Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…