Noutro artigo vimos a importancia que tivo o río Masma na conformación da vila de Foz e agora cruzamos a súa ría para a outra banda na procura dos barreiros de Barreiros.
Os topónimos Barreiro ou Barreiros, e derivados, son moi numerosos en toda a xeografía galega, con máis presenza no interior mais tamén na costa. Con todo, non sempre é doado coñecermos cal foi a orixe de cada un deles. No galego común, un barreiro é un lugar onde se extrae barro ou un lugar abundante en barro, mais tamén podería aludir á orografía do terreo, quer por formar unha barreira natural, quer por estar emparentado coa forma barra, isto é, “baixo de area na desembocadura dun río, que fai perigosa a navegación”.
A estas hipóteses podemos engadir unha confusión máis: os areais con forma de barra, como é O Altar na Foz do Masma, son lugares onde tamén hai abundancia de lama e, por tanto, barreiros e barreiras.
Barreiros pola lama ou Barreiros pola barra? Quedarémonos coa dúbida mais, sexa como for, o topónimo Barreiros aparece na documentación medieval desde unha época temperá como «territorio Barrarios» no ano 1101 no Tombo de Lourenzá.
Moitas veces reparamos nesta sección naquelas xoias toponímicas que, por seren únicas, destacan entre os máis de 42.000 topónimos que…
O Seminario de Onomástica da Real Academia ditaminou cambiar a denominación oficial da parroquia de Moscoso (San Paio)…