Polas terras de Melide contan que antigamente houbo neste punto unha gran batalla. Mentres loitaban, un dos xefes dos exércitos mandou que mil homes adiantasen a súa posición para tomaren o forte do seu opoñente. E mandounos ao berro de “Mil, ide!”.
Esta graciosa lenda que aínda se pode escoitar polas terras de Melide só é unha das moitas historias que se contan arredor do nome da vila. Murguía faino proceder do bravo soldado Milhert; Cabeza Quiles recolle a hipótese do caudillo mahometano Abdalá ben Melik, que libraría unha batalla en 812 á beira do río Furelos; e Álvarez Carballido fala dunha suposta fundación da vila duns xemelgos monocigóticos, en latín MELLITIUS.
Malia estar errada, a tese de Carballido non está desencamiñada: a hipótese máis posible, defendida por Martínez Salazar, Joseph Piel ou Taboada Roca, fai derivar Melide, do nome de persoa MELLITUS, formado sobre unha base latina MEL MELLIS, “mel” mais o sufixo onomástico -ITUS. Estariamos, por tanto, ante un xenitivo de posesión *(villa) Melliti, isto é, a Vila de Mellitus, pero non de xemelgos.
Esta teoría, e outras, aparecen recollidas na obra Toponimia do Concello de Melide, obra de Joaquim Vázquez Rodríguez.
O 7 de agosto de 1028, o rei Afonso V o Nobre afrontaba o asedio da cidade de Viseu na súa campaña de expansión cara ao sur tomando…
Fornelos e Valdanta son dúas das 18 parroquias que forman actualmente o concello do…