Informe sobre o cambio do nome do concello da Caniza

O Seminario de Onomástica da Real Academia ditaminou mudar a denominación do concello da Cañiza, vixente ata a actualidade, que pasará a denominarse A Caniza na nova versión do Nomenclátor de Galicia. Fíxoo tras iniciar de oficio un proceso de revisión do topónimo para restaurar a forma propiamente galega, A Caniza, que coincide coa palabra do léxico común recollida no Dicionario da Real Academia Galega con diferentes acepcións, todas elas facendo referencia a estruturas ou obxectos realizados mediante varas ou canas tecidas. 

Trátase, por tanto, dun derivado de cana (< latín CANNA) a partir do étimo CANNICEA. Segundo sinala o académico e investigador Gonzalo Navaza na obra Fitotoponimia galega, canizo e caniza aluden na toponimia ao uso de canas ou varas “para pechar leiras ou defender do vento as hortas ou plantacións, aínda que non podemos descartar a posibilidade dun uso como sinónimo de cabaceiro ou hórreo”. 

As formas canizo e caniza están plenamente vixentes na microtoponimia galega: segundo datos do portal Galicia Nomeada, existen 501 lugares no territorio galego cuxa denominación inclúe o topónimo canizo e 144 caniza.

Distribución de canizo e caniza no territorio galego

1 Distribución dos topónimos Canizo e Caniza na microtoponimia galega, segundo datos do portal Galicia Nomeada

O topónimo está atestado desde antigo: na Idade Media a localidade da Caniza estaba incluída no couto das Achas, pertencente ao mosteiro da Franqueira. Na documentación deste mosteiro hai rexistros do topónimo A Caniza (“outra nosa leyra e seve da Caniza”, ano 1297) que talvez non se refiren a esta localidade, pero que en calquera caso testemuñan a existencia do nome na toponimia da zona. 

Non ofrecen dúbidas, en cambio, diferentes testemuños do século XVI: nos apeos de bens das parroquias de Casteláns (Covelo) e das Achas (A Caniza), pertencente ao mosteiro da Franqueira, atestamos un “En el lugar de la Caniça” (1583):

Apeos, 1583

2 “En el lugar de la Caniça”. ES.28079.AHN/10//CLERO-SECULAR_REGULAR,L.10042, PARES

Noutro documento do 1589 cítase a “villa de la Caniça, que es en el balle de las achas & reino de Galicia”:

1589

3“En la villa de la Caniça” ES.41091.AGI//CONTRATACION,234,N.2,R.8, PARES

Nunha relación de bens de Álvaro de Buiza do ano 1595 lemos “villa de la Caniça que es en el Valle de las Hachas  del rreyno de Galicia”:

1595

4 PARES: ES.41091.AGI//CONTRATACION,234,N.2,R.8

Nas referencias en textos escritos en castelán, o topónimo aparece frecuentemente castelanizado como La Cañiza, e con esta forma adoita rexistrarse na documentación posterior á creación da parroquia. Con todo, en fontes coma o Catastro de Ensenada (1753) e no seu expediente de comprobacións (1764), á beira da forma deturpada tamén se rexistra en ocasións a forma lexítima.

Caniza no Castastro de Ensenada

5 “Lugar de la caniza” no Catastro de Ensenada

regueiro da Caniza no Catastro de Ensenada

6 “al sitio do rregueiro da Caniza” nas Comprobacións do Catastro de Ensenada (páx. 216)

Tamén anotou a forma propia sen castelanizar o padre Martín Sarmiento na súa viaxe a Galicia do ano 1755: “Y la altissima cordillera de Franqueira, Caniza, y Paradante o Pedra de Anta que es el remate azia Mourentan”:

Viaje a Galicia

7 Viaje a Galicia de Fray Martín Sarmiento (1754-1755), páx. 101

Desde o nacemento do concello, nas primeiras décadas do século XIX, empregouse na súa denominación oficial a forma deturpada, La Cañiza ou simplemente Cañiza. Esta forma figura, por exemplo, no repartimento xeral publicado en 1821 onde aparecen relacionados os concellos e partidos xudiciais que formaban parte de Galicia:

1821

8 Partido de Cañiza no repartimento xeral de 1821 onde aparecen incluídos os diferentes concellos que daquela formaban Galicia. Tirado de Fariña Jamardo (1990)

O nome oficializado xa no século XIX contribuíu a fixar o topónimo castelanizado entre a poboación. Porén, o Seminario de Onomástica da Real Academia Galega puido comprobar que a memoria do orixinario A Caniza sobreviviu ata actualidade entre os falantes da zona, especialmente nos de maior idade, aínda que cada vez nun uso máis minoritario.

Tendo en conta que a lei establece que a forma oficial dos topónimos de Galicia é unicamente a galega e que a forma Cañiza é allea á lingua galega, o Seminario de Onomástica da Real Academia Galega propuxo oficializar o topónimo A Caniza para o nome da vila, da parroquia e do concello.

FONTES E BIBLIOGRAFÍA

Expediente de comprobación de bienes, rentas y cargas de la feligresía de Santa Cristina de Valeije (Albeos, Tuy), efectuado por decreto de diciembre de 1760 para el establecimiento de la Única Contribución. <https://pares.mcu.es/ParesBusquedas20/catalogo/show/6088787?nm> [Consultado 19/09/2025]

Fariña Jamardo, Xosé (1990). Os concellos galegos. Parte xeral. A Coruña: Fundación Barrié.

Navaza, Gonzalo (2006). Fitotoponimia galega. A Coruña: Fundación Barrié. Biblioteca Filolóxica Galega do Instituto da Lingua Galega.

Portal de Archivos Españoles [PARES]. <https://pares.cultura.gob.es/inicio.html>

Sarmiento, Martín (1950). Viaje a Galicia de Fray Martin Sarmiento (1754- 1755). Ms. de la Abadía de Silos tanscrito por Fr. Mateo del Álamo y Fr. Justo Pérez de Urbel; edición y notas de F.J. Sánchez Cantón y J.M. Pita Andrade. Santiago de Compostela: Instituto P. Sarmiento de Estudios Gallegos.

 

Tamén che pode interesar...

O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega ditaminou cambiar a denominación oficial do concello de Castro Caldelas,…

O Seminario de Onomástica da Real Academia Galega decidiu modificar a denominación oficial do concello lucense da Pastoriza,…